DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración do X Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións

Cando as matemáticas salvan vidas

O profesor Jordi Massó explicou como un algoritmo pode facilitar o intercambio de riles entre pacien

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 03/11/2011
Ninguén pode imaxinarse o alcance que pode ter a aplicación práctica dun modelo matemático. Jordi Massó, profesor da Universitat Autónoma de Barcelona, expuxo un exemplo “do poder desta ciencia” na conferencia inaugural do X Congreso Galego de Estatística ao explicar como un algoritmo deseñado nos anos 70 para outra aplicación na actualidade facilita a doazón de riles entre parellas de doantes e pacientes en casos de incompatibilidade. “Un programa de ordenador é quen de ordenar eficientemente os transplantes cruzados de riles de doantes vivos”, comentou o experto, posibilitando doazóns que nun principio non serían posibles.

Nesta transversalidade da estatística fixo fincapé a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que salientou a súa presenza e aplicación en todas as disciplinas, “nas ciencias, na saúde, na economía, na sociedade en xeral...”, ademais de considerala unha ferramenta imprescindible para a investigación universitaria. O alcalde da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén resaltou a aplicación diaria da estatística, xa que “grazas a ela pódese interpretar a realidade e decidir e tomar decisións de xeito atinado”. O simposio congrega arredor dun cento de asistentes que durante tres días “crearán un foro de encontro para intercambiar ideas e buscar novas colaboracións co fin de divulgar esta área de coñecemento entre a sociedade”, salientou a profesora María del Carmen Iglesias, presidenta do comité organizador.

Matemática altruísta

Jordi Massó achegou coa súa intervención una perspectiva “altruísta e social” do campo das matemáticas. Un algoritmo que naceu en 1974 da man do experto David Gale para resolver problemas de asignación de axentes a obxectos indivisibles “foi recuperada no 2004 por uns economistas norteamericanos para crear unha base de datos de doazón de riles e facilitar o proceso de intercambio cruzado”, aclarou Massó. O funcionamento do sistema consiste en introducir datos dunha parella formada por un doante vivo e un enfermo que son incompatibles xeneticamente e cruzalos con outros casos “co obxectivo de atopar coincidencias sanguíneas entre os inscritos e aumentar o número de transplantes facéndoos o mellor posible en termos de compatibilidade”, puntualizou. Estas operacións en cadea esixen que se fagan simultaneamente “para garantir que todos reciban o seu ril”.

En España a maioría dos transplantes deste órgano proceden de doantes cadavéricos, “pero a existencia dunha lista de espera maior que a de riles dispoñibles fai que se recorra á doazón por parte de persoas vivas, o que en outros países representa un 50%”, aclarou o experto. Dende 2008 a Organización Nacional de Transplantes conta cunha base de datos semellante á americana que na actualidade ten 80 parellas inscritas “e xa posibilitou dous transplantes cruzados”, apuntou Massó.

Este xoves tamén interveu o profesor Daniel Yekutieli, da Universidade de Tel Aviv, experto mundial no multiple testing, un problema de actualidade a superar na estatística que xurde á hora de realizar comparacións simultáneas de datos.

Achegas da estatística nos tempos de crise

José Antonio Campo Andión, director do Instituto Galego de Estatística (IGE), destacou na inauguración que no contexto actual de crise económica “cómpre que o sistema estatístico sexa o máis transparente posible”, complementado por unha mellora da formación entre os usuarios. Algo que o profesor Antonio Vaamonde, presidente de Sgapeio (Sociedade Galega para a Promocio?n da Estatística e da Investigación de Operacións) tamén defendeu, pois “estamos ante unha ferramenta imprescindible non soamente para a industria e a investigación, senón tamén para a vida diaria”. Dado o papel que a estatística xoga na situación financeira do país, na xornada de mañá venres celebrarase un dos actos principais do encontro, a mesa redonda Estatística e crise económica, na que expertos do BBVA, do Banco de España e do IGE debaterán, entre outros temas, sobre a utilidade e fiabilidade dos indicadores estatísticos que manexan os economistas cando estudan as causas e consecuencias da crise financeira.