DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de CCSS e da Comunicación crea catro partidos para unhas eleccións ficticias na facultade

Cando a nota se decide nas urnas

Estudantes, PDI e PAS poden votar o 10 de abril nos comicios impulsados polo profesor Xosé Rúas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 31/03/2014
Cando a Universidade se atopa en plena xornada de reflexión previa ás eleccións a reitor deste martes 1 de abril, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación mergúllase de cheo noutro proceso electoral ben distinto, o que levará a catro partidos ficticios, creados polo alumnado do grao en Publicidade e Relacións Públicas, a medirse nas urnas o xoves 10 de abril. Do resultado dos comicios aos que concorrerán a Alianza Rebelde, o Partido Paripé, La Madriguera e o Partido Dálle dependerá parte da nota final da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, que imparte o profesor Xosé Rúas, impulsor deste “xogo de rol” electoral que arrancaba na mañá deste luns coa pegada de carteis.

Coa idea de que os preto de 70 alumnos e alumnas desta materia de terceiro curso poidan levar á práctica os coñecementos adquiridos sobre estratexias electorais, oratoria ou creatividade, Rúas promove desde hai máis de dez anos a campaña ficticia que neste 2014 viu precedida por unhas “primarias internas” no que cada un dos catro grupos de prácticas desta materia debía decantarse por un candidato ou candidata e unha estratexia electoral. No proceso definíronse os catro partidos que nesta xornada se presentaron publicamente e que ao longo dos próximos dez días tentarán trasladar a súa mensaxe e o seu programa electoral ao alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos da facultade, responsables de dirimir co seu voto que grupo levará a máxima nota nesta actividade, da que dependen 2,5 puntos da avaliación da parte práctica da materia.

Unha campaña na que a comunicación prevalece sobre a ideoloxía

Co obxectivo de recibir os apoios dos diferentes sectores da comunidade universitaria, cada partido deseñou un programa electoral orientado a propoñer melloras tanto no seu propio centro como na Universidade e na súa contorna e no que “mesturan o abstracto co concreto”, como apunta Xosé Rúas. Desde a necesidade dun microondas á defensa doutra política ambiental, cuestións do máis variado teñen cabida na mensaxe electoral de catro partidos que inician este proceso electoral cun discurso “no que se nota a desafección política e no que se observa certa deriva cara ese xénero híbrido que é o infoentretemento”, engade o responsable desta materia, que observa como a comunicación adquire unha importancia maior que a ideoloxía nas estratexias electorais do seu alumnado.

Por exemplo, o partido La Madriguera concorre a estes comicios coa imaxe dun castor como emblema, a través do que tratarán de “fomentar a cooperación do alumnado, xa que se non estamos todos unidos non poderemos mellorar a facultade”, apunta a súa candidata Patricia Rincón. O aumento do número de enchufes para que o alumnado poida empregar no centro os seus ordenadores portátiles ou a mellora da rede wifi son algunha das promesas electorais deste partido que se presenta co slogan “Non te rilles”. Por outra banda, a saga cinematográfica da Guerra das Galaxias serviu como inspiración á Alianza Rebelde, un partido que toma o exemplo daqueles que no filme “loitaban contra a tiranía do imperio para restaurar a democracia na galaxia” coa idea de promover “medidas que permitan acabar coas inxustizas na facultade”, relata o seu candidato, Alejandro Rodríguez. O cambio do software que se emprega para edición de vídeo, o impulso de cursos de inglés no centro ou a reclamación de profesorado de perfil técnico con experiencia laboral nunha área concreta son algunha das demandas deste partido, que avoga por “propostas realistas”. “Para teatro o noso” é o lema de campaña doutra das formacións que participan neste proceso electoral, o Partido Paripé (Pepé), que presenta como candidato a Cecilia Allo; mentres que a lista de alternativas nestes comicios se completa co Partido Dálle, con Micaela Campanini como candidata.

Dez días de campaña por diante

Trala pegada de carteis coa se puña arranque a esta ‘batalla’ electoral, os candidatos e candidatas exporán a súa mensaxe este martes nos mitins que se desenvolverán no marco das prácticas da materia, para logo enfrontarse o vindeiro martes 8 nun ‘debate televisivo’ simulado na aula. A estes actos, os diferentes partidos poderán sumar aquelas outras iniciativas que consideren para a difusión das súas mensaxes, no propio centro ou a través das redes sociais. De feito, como explica Rúas, dentro de cada grupo de prácticas organizouse un reparto de tarefas, de tal xeito que existen persoas responsables das iniciativas nas redes sociais, da loxística, de levar a axenda do candidato ou de exercer como portavoces da formación.

Será o xoves 10 de abril cando finalmente os estudantes desta materia poidan coñecer como a súa mensaxe callou entre a comunidade universitaria, ao remate dunhas votacións que se estenderán entre as 10.00 e as 14.00 horas.