DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ForumEmprego Universitario 2013 arrancou este mércores no campus de Ourense

Cando o Plan A xa é buscar unha oportunidade no estranxeiro

O encontro tamén abordou a integración laboral dos estudantes con discapacidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/02/2013

Borja, David, Yolanda e Victoria son alumnos e alumnas de último curso de grao e de posgrao do campus de Ourense. Cada un pertence a unha titulación diferente pero todos comparten o feito de que este ano rematan a súa vida universitaria e barallan como Plan A de futuro irse ao estranxeiro porque non ven posibilidades de desenvolverse profesionalmente en España. Por este motivo, eles e elas estiveron entre os asistentes este mércores ao ForumEmprego Universitario 2013. 12 Xornadas Universitarias de Emprego Galicia-Norte de Portugal. Alén de aprender a facer o currículo europeo e coñecer as canles concretas que hai no contexto europeo para solicitar prácticas ou buscar un emprego, os asistentes tamén puideron coñecer as oportunidades de integración laboral e incluso mobilidade académica que teñen universitarios que padecen algún tipo de discapacidade e que no curso 2011/2012 ascendía a 18.303 persoas no conxunto do estado.

Sen expectativas ante a crise

O ForumEmprego Universitario 2013 que este mércores arrancou en Ourense baixo a organización da Vicerreitoría de Relacións Internacionais e promovido por Eures, servizo público de emprego europeo, continuará o día 21 de febreiro no campus de Vigo e rematará o día 22 no de Pontevedra. “Esta actividade é unha excelente oportunidade para que os universitarios, nos tempos de crise económica que vivimos, coñezan dun xeito asesorado as posibilidades reais de mobilidade laboral que teñen en Europa e como aproveitalas correctamente. Con este obxectivo, ademais de recibir de primeira man información sobre saídas laborais, como o Programa Erasmus Prácticas, os participantes ven como se realiza a homologación de títulos e a visibilización das súas competencias e fan o seu propio currículo europeo Europass”, subliñou Emilia Seoane, conselleira Eures e profesora encargada da coordinación da iniciativa.

Esta posibilidade de coñecer as oportunidades reais que hai e como beneficiarse delas foi o que levou a Borja Bobillo, a David López, a Yolanda Castro e a Victoria Álvarez a asistir ao forum. “Eu remato este curso o mestrado en Turismo e dada a situación económica que hai unha das miñas prioridades é buscar unha oportunidade fóra. Como estiven estudando con varios programas de mobilidade no estranxeiro, os idiomas non serían un problema para min”, destacou Borja Bobillo. A piques de rematar o grao de Administración e Dirección de Empresas, o mesmo futuro se imaxina David López, interesado en “realizar prácticas no estranxeiro porque logo aquí son moi valoradas no currículo”. “Tal e como está o panorama non sabemos a onde dirixirnos e a opción de irme ao estranxeiro e aproveitar para aprender idiomas cada día a vexo máis preto”, engadiu Yolanda Castro, estudante do mestrado de Diversidade en Contextos Educativos, que comparte con Victoria Álvarez, alumna de último curso de Dereito, o interese non só económico de saír ao estranxeiro, senón tamén o enriquecemento persoal e cultural que consideran que lles pode supor esa experiencia.

Un 1% de universitarios con discapacidade que tamén conta

Un tratamento específico tivo no forum celebrado en Ourense a situación e as oportunidades de futuro que ten un colectivo concreto de universitarios como é o das persoas con algún tipo de discapacidade. O relator encargado de abordar este tema foi Ramón Capdevilla, director da Fundación Universia, entidade promovida por Universia, constituída por 1232 institucións de educación superior de 23 países de Iberoamérica, que ten como obxectivo, a través de diferentes accións, impulsar a inclusión laboral das persoas con discapacidade. “O 60% dos empresarios asegura que non contrata persoas con discapacidade porque considera que lles falla formación. A formación e a accesibilidade son dous cabalos de batalla para acadar a integración laboral e social deste colectivo”, apuntou Ramón Capdevilla.

O responsable da Fundación Universia quixo chamar a atención sobre o feito de que as persoas con discapacidade supoñen arredor do 8% da poboación, uns catro millóns de españois, pero tan só o 1% da comunidade universitaria, estando matriculados no curso 2011/2012 18.303 persoas en universidades españolas. Esta cifra, destacou, ten importantes consecuencias porque “a formación é o camiño imprescindible para atopar un emprego”. Por este motivo, explicou, desde a fundación que dirixe traballan no apoio a este colectivo, a través de bolsas e diferentes accións que querer contribuír a que as universidades fagan máis accesibles os seus espazos e servizos. Loitando pola igualdade de oportunidades, destacou, tamén traballan con proxectos de mobilidade, que permiten ás persoas con discapacidade realizar estudos no estranxeiro, “e cando falamos do estranxeiro non só falamos de Francia, falamos de Corea, de Chile e de calquera punto da xeografía”, comentou. “Hai que rachar cos estereotipos, deixar de considerar a discapacidade como algo sanitario e ver esa discapacidade como un elemento descritivo máis da persoa, como poden ser a súa raza, o seu sexo ou as súas características físicas”, advertiu.