DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xiral López analizou na súa tese os efectos que teñen os tributos enerxéticos sobre a demanda

Cando o prezo da enerxía sube, a calefacción dos fogares muda

O consumo baixa de inmedia e a medio prazo cambia a fonte de abastecemento; a industria non actúa ta

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 24/04/2013

Adeus ás exencións do imposto especial sobre os carburantes, soben as cotas da Corporación de Reservas Estratéxicas, unha bombona de butano a máis de 16 euros ou un incremento acumulado do prezo da electricidade dun 70% dende o ano 2008 que aumenta a factura media en 44 euros mensuais. A enerxía é un ben prezado que deixa un burato cada vez maior no peto dun consumidor que xa non permanece estático. Iso é o que se deduce dos Ensaios sobre a demanda e impostos sobre a enerxía, unha tese na que Xiral López explora as razóns para a aplicación de impostos sobre a enerxía, o seu papel específico nun contexto internacional onde os recursos enerxéticos están distribuídos de forma heteroxénea e os probables efectos económicos e distributivos provocados coa suba de prezos, un dato co que o consumidor é moi sensible.

“Os fogares si reaccionan ao custo da enerxía en España, de maneira que un incremento no prezo dará lugar a unha redución a curto prazo da demanda, aínda que menos que proporcionalmente. Pero tamén inflúen na decisión a longo prazo sobre a fonte de enerxía para usar, por exemplo, un sistema de calefacción que utilice fontes de enerxía con menores prezos relativos”, resume o investigador do grupo de Economía, Empresa e Medioambiente (REDE) da Universidade de Vigo. Sen embargo, todos estes cambios non aparecen reflectidos na industria, onde “o consumo enerxético apenas se ve afectado polas variacións nos prezos dos produtos enerxéticos”. A investigación tamén achega un estudo empírico de demanda de enerxía baseado en microdatos españois restrinxidos á calefacción no que se combina a decisión a medio ou longo prazo sobre o sistema empregado e unha decisión continua a curto prazo sobre o consumo da fonte de enerxía escollida.

Nun contexto de crise como o actual, con importantes déficits públicos, os impostos sobre a enerxía son un elemento fundamental nas políticas fiscais e ambientais, “xa sexa como fonte de ingresos públicos, como mecanismo de corrección de externalidades ou como instrumento para captar rendas asociadas a recursos”. E como os impostos sobre a enerxía son “habitualmente menos procíclicos” que outros mecanismos fiscais, cabe esperar “unha maior presión sobre os ingresos”. Estas conclusións chegan despois de catro anos de traballo e da revisión de máis de 420 estudos anteriores cos que dar unha visión global das razóns teóricas, de deseño e das aplicacións prácticas dos impostos sobre a enerxía.

Impostos como control ambiental

López tamén analizou na súa tese o papel dos impostos sobre a enerxía nun contexto internacional onde os recursos enerxéticos están distribuídos de xeito non uniforme e estudou a relación entre un cártel produtor e un país importador dun recurso natural enerxético que xera un stock de contaminación acumulable na atmosfera. O resultado é “o uso dun modelo en tempo discreto que permite obter e comparar as solucións óptimas para determinar que situacións son mellores para cada parte e para a xestión dese stock de contaminación”. “Se os países importadores de petróleo se puxesen de acordo para establecer un imposto ambiental sobre as súas importacións mellorarían o seu benestar e reducirían as súas emisións”, subliña, algo moi importante tendo en conta que “a ausencia dunha estratexia internacional efectiva para enfrontarse ao problema do cambio climático está provocando que as emisións de gases de efecto invernadoiro permanezan sen control”.

A forte dependencia enerxética, a evolución crecente dos prezos do petróleo ou a necesidade de fondos para promover as tecnoloxías renovables fai “probable” que os impostos sobre os recursos enerxéticos xoguen un papel crecente. “Os impostos sobre a enerxía pódense utilizar como unha ferramenta para influír no modelo enerxético, aínda que se poden empregar outros instrumentos, como os mercados de permisos de emisión, as regulacións ou os acordos voluntarios. Dada a complexidade das políticas enerxéticas e ambientais actuais, normalmente é necesario utilizar unha combinación de distintos instrumentos para poder alcanzar os obxectivos propostos”, recorda.

Ciencia en galego

A tese de Xiral López foi cualificada polo propio tribunal como unha investigación “moi afortunada que reúne rigor teórico e unha análise empírica moi importante”. E gabou o “esforzo lingüístico” feito polo investigador, que ademais de facer a presentación en castelán fixo unha versión “moi ben escrita e fácil de seguir” en inglés, aínda que a tese orixinal foi depositada en galego, algo que só ocorre un par de veces ao ano.