DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acollerá o curso 'Deporte, empresa e sociedade: a economía do deporte a través do cine'

Cando o protagonista cinematográfico é a economía do deporte

A iniciativa celébrase do 21 ao 30 de setembro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 12/09/2011
Invictus, Jerry Maguire, Cindirella Man, Any Given Sunday e The Color of Money teñen en común ser grandes producións cinematográficas e tamén que abordan o mundo do deporte tendo en conta a súa vertente máis económica. Por este motivo son as películas elixidas para ver no curso Deporte, empresa e sociedade: a economía do deporte a través do cine. Unha iniciativa da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense que do 21 ao 30 de setembro afondará en cuestións de actualidade na economía do deporte a través da súa presenza no cine.

O curso, dirixido polos profesores Patricio Sánchez, José Antonio Fraiz e Ángel Barajas, pretende suscitar a reflexión sobre o impacto económico do deporte, especialmente o profesional; afondar na vertente empresarial da actividade deportiva e amosar as peculiaridades da economía do deporte como disciplina. Xa no ámbito audiovisual, os organizadores da iniciativa agardan que o curso permita aos asistentes visionar películas onde o deporte é o elemento destacado e comprender a importancia dos medios audiovisuais, especialmente o cine, como elemento de difusión e promoción da economía deportiva.

Cada unha das cinco xornadas de traballo nas que se divide o curso comezará cunha conferencia a cargo dun especialista, seguiralle a proxección dun filme e rematará cun debate arredor da temática abordada. “Este formato, que xa puxemos en práctica en cursos realizados en Santander e Oviedo, parécenos moi atractivo e que pode dar moi bos resultados, pois tanto o cine coma o deporte son disciplinas que atraen moito a atención da xente”, salienta Patricio Sánchez.

Conferencias e proxeccións

A conferencia inaugural do curso terá lugar o día 21 de setembro a cargo de José Ángel Vázquez Barquero, concelleiro de Ourense, que falará sobre Marketing urbano e deporte, facendo especial fincapé nas potencialidades da cidade das Burgas neste eido. Seguiralle o profesor da Universidade da Coruña José Manuel Sánchez cunha intervención sobre a organización institucional do deporte. Para explicar o papel dos axentes na contratación de xogadores achegaranse á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense Santiago Areal, da Universidade Carlos III, e Pablo Estevez, axente de xogadores. Un panel de expertos que se completará coas intervencións de Plácido Rodríguez, da Universidade de Oviedo, Xavier Martínez Cobas, da Universidade de Vigo, e Ignacio Urrutia, do IE Business School.

Pola parte audiovisual, os asistentes gozarán de películas como Invictus, de Clint Eastwood e protagonizada por Morgan Freeman e Matt Damon, que presenta o emprego da Copa Mundial de Rugby e dun equipo como instrumentos para construír unha unidade nacional en Sudáfrica. Jerry Maguire achegarase ao mundo dos axentes deportivos de elite a través do papel de Tom Cruise, e Cindirella Man, protagonizada por Russell Crowe e Renée Zellweger, afondará no diñeiro que se move no mundo das apostas de boxeo. A faciana económica do fútbol americano e do billar serán abordados coa proxección de Any Given Sunday, con Al Pacino e Cameron Díaz, e The Color of Money, dirixida por Martin Scorsese e protagonizada por Paul Newman e Tom Cruise.