DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A artista e profesora de BBAA, Anne Heyvaert, expón no Centro Social Caixanova

Cando o Sil desemboca no Sil

A mostra "Kaleidoscopias, de Memphis a Finisterre" presenta mapas “que desbobran o real”

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 01/07/2010

Entre a realidade e a súa representación hai un oco para a ilusión que, no caso da obra da artista e profesora de Belas Artes, Anne Heyvaert permite que o río Sil teña a súa desembocadura no propio río Sil. A explicación a este misterio está na exposición que a creadora ten aberta ao público ata o vindeiro 25 de xullo no Centro Social Caixanova baixo o título Kaleidoscopias, de Memphis a Finisterre.

A través destas kaleidoscopias ou mapas caleidocópicos Heyvaert ofrece ao espectador un particular percorrido polos escenarios da súa vida, que son moitos. Nacida casualmente en Memphis, no estado de Tennessee, é sen embargo francesa de nacionalidade, belga de paternidade, flamenca de filiación artística e residente en Galicia dende 1980. Son os mapas, as viaxes e as idas e vidas unha constante na súa vida e tamén na súa obra, na que mapas e planos son os protagonistas e tamén as ferramentas coas que reflexionar sobre a ilusión da re-presentación da realidade, “a idea non só é a de desdobrar o real, senón de desplegalo para expoñelo en tanto que espectáculo”, explica a artista. Nesta nova mostra, o espectador é máis que nunca parte do mapa.

Mapas que non levan a ningures

A mostra, organizada en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación e co apoio do grupo de investigación dx5, digital & graphic art_research, conta tamén co préstamo de obras do Museo de Artes del Gravado a la Estampa Digital, de Ribeira. Nela Anne Heyvaert presenta unha serie de mapas despregados, debuxados e estampados sobre mapas reais, nos que a repetición e a multiplicación desenvolven a dispersión dos lugares da súa vida. “A repetición e a dispersión vólvense diversión, no seu sentido máis lúdico, nun despregue virtual e máxico a través duns verdadeiros e grandes caleidoscopios: a diversión é di-versión”, explica. A idea é que o espectador sexa parte da obra, que se mesture e provocarlle confusión con planos pregados que cobran releve, camiños que se desdobran, espellismos...

As rúas de París, a costa Atlántica, a ría de Vigo ou as rutas cara a Finisterre son os verdadeiros protagonistas duns mapa que perden a súa verdadeira utilidade acompañados por textos do crítico de arte Alberto González-Alegre. Nun destes textos argumenta que nas obras de Heyvaert “están a eternidade (porque é un xogo) e máis a eternidade (dun proceso). Están tamén, na forma da materia condensada, preto xa do grao cero, alí onde os opostos e contrarios tenden sempre a se buscar, o movemento e os seus tantos veciños de concepto: o xiro, o tempo, a acumulación, a totalidade...”.

A inauguración da mostra serviu tamén para presentar o libro De Memphis a Finisterre, Doblar lo real con textos de Alberto de Samaniego, Museo de Artes del Grabado a la Estampa Digital, Ribeira.