DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un acordo entre as universidades de Vigo e Pará posibilita a creación de dous postos de traballo par

Cando o soño se cumpre en Brasil

Os dous galegos van a ensinar español en Belém do Pará, porta de entrada a amazonía brasileira

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 04/07/2012
Os seus avós emigraron na procura dun futuro mellor desde o municipio pontevedrés de A Lama a Belém do Pará no Brasil en 1950. Carlos Cernadas naceu en Galicia pero hoxe, máis de medio século despois de que os seus antepasados emprenderan aquela aventura, é el o que inicia a viaxe de volta. As condicións son moi distintas “no meu caso levo buscando unha oportunidade coma esta desde fai tempo”. Volve para dar clases de español na Universidade de Pará e facer alí a súa tese de doutoramento. Conseguiuno grazas a sinatura no último Consello de Goberno dun convenio de colaboración entres as universidades de Vigo e Pará, un acordo que posibilita dous postos de traballo para dous anos a Carlos Cernadas e Paula Reyes Álvarez, alumnos do Mestrado en Lingüística e as súas aplicacións POSLEA, un programa interuniversitario con Mención de Calidade desde o curso 2004-2005 e que dirixen en Vigo as profesoras Inmaculada Báez e Rosa Pérez.

Tiñan todo preparado para chegar a Brasil a finais de xullo e comezar a traballar a principios de agosto, que é cando se inicia o segundo semestre lectivo en Brasil, pero fai aproximadamente un mes comezou unha folga indefinida en todas as universidades federais de Brasil por motivos de reaxuste salarial e modificación dos plans de carreira do persoal docente universitario o que paralizou momentaneamente a súa viaxe “pois ata que finalice a folga non se reanudarán as clases na universidade, pero confiamos en que en breve todo estea resolto”, subliña Cernadas, quen xa tivo unha experiencia como profesor de español en Belém “aínda que non a nivel universitario”, aclara. “Precisamente todo se iniciou porque Carlos comezou a súa tese de doutoramento sobre a ensinanza universitaria do español en Brasil e, a raíz disto, soubemos que nesta Universidade se facían este tipo de intercambios”, explica a profesora Inmaculada Báez, que subliña que esta experiencia “é unha excelente saída para os nosos alumnos e, ademais situaraos en boas condicións para optar a postos docentes de Español como Lingua Estranxeira tanto en España como en calquera parte do mundo”.

"Un regalo caído do ceo"

No caso de Carlos sempre sentiu fascinación pola rexión Amazónica “lembro moitas viaxes de pequeno visitando aos meus avós que seguían traballando en Belém”. A paixón por este lugar fixo que no ano 2000 se decidira a pasar un tempo alá, tres anos nos que exerceu como profesor de español , pese a que súa formación académica principal era na área de Relacións Laborais e Recursos Humanos e desenvolveu a maior parte da súa actividade profesional na empresa privada traballando como técnico de mercado e xerente, aínda que sempre se sentiu atraído pola ensinanza de español para estranxeiros “ a tal grado que conseguín, con moito esforzo, simultanear o meu traballo na empresa privada co mestrado, que foi unha excelente oportunidade de afondar nos contidos didácticos precisos para exercer como docente de linguas”.

No caso de Paula Reyes cando lle comunicaron que era unha das alumnas seleccionadas “quedei sen palabras, non souben nin que facer nin que dicir”, subliña, ao tempo que admite que está desexando “chegar a Belém, coñecer ao equipo de docentes, ao alumnado, preparar as miñas clases...” Licenciada en Filoloxía Hispánica desde o ano 2010, esta oportunidade é para ela “un regalo caído do ceo, sobre todo nestes intres tan críticos polos que estamos pasando en España”.

Gañarse a vida como lingüista

Aínda que é común a idea de que resulta complicado na sociedade actual gañarse a vida como lingüista, Carlos Cernadas insiste en que “o meu caso é un exemplo de que, a pesar de que as oportunidades son limitadas, con ilusión e esforzo pódese conseguir”, subliña Cernadas, convencido de que “cursar o mestrado foi unha das decisións máis acertadas que tomei”. Tanto el como Paula teñen claro que o seu futuro está na didáctica de linguas, concretamente do español e Poslea foi “a porta de acceso idónea a esta especialidade”, subliña Reyes, que explica que “conta cun programa amplo e con materias moi variadas e atractivas relacionadas coa didáctica de linguas, lingua de signos, análise do discurso e lexicografía”. Ademais, ambos fan fincapé na vantaxe que supón a posibilidade de seguir as clases a distancia, a través de videoconferencia ou a partir do visionado das sesións que se gravan integramente cada día “e porque conta cuns excelentes profesores que te acompañan e guían no proceso de aprendizaxe e que sempre están dispostos a escoitarte e axudarte”, recalca Reyes.