DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes Borja Ríos e Lara Ouviña suman nove ouros nos campionatos de España de taekwondo

Cando a vida transcorre entre as aulas e os torneos

Ríos cambiou de peso na presente tempada coa idea de loitar por unha praza nos Xogos Olímpicos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 13/06/2014

Ambos saben o que é subir ao máis alto do podio nun Campionato de España, pero tamén o esforzo que implica compaxinar os adestramentos ao máis alto nivel coas clases, as prácticas e os exames. Porque, ademais de dúas promesas do taekwondo español Borja Ríos e Lara Ouviña son tamén dous estudantes que se forman no campus de Pontevedra. De aí que ambos contribuísen o pasado mes de maio a que a Universidade de Vigo lograra a medalla de prata no Campionato de España Universitario desta arte marcial, facendo o que mellor saben facer, gañar. De feito, conquistar a medalla de ouro nas súas categorías non é algo novo para eles, posto que o logrado na localidade murciana de Los Alcázares foi o terceiro consecutivo para Rios, estudante do grao en Fisioterapia, e o segundo para Ouviña, alumna do máster en Profesorado de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

Pero o seu éxito deportivo non se limita aos torneos universitarios, posto que Borja Rios acumula no seu palmarés tres Campionatos de España sub21 na modalidade de -63 quilos e dúas medallas de prata nesa mesma categoría como sénior. Cun bronce no Campionato de España absoluto no peso -62 e cun ouro no torneo estatal sub21 conta Lara Ouviña, que por outra banda tamén conta cun ouro e unha prata no Campionato de Europa Universitario, no que Ríos logrou en 2011 a medalla de bronce.

Estudar, adestrar, competir... e traballar

Queda claro con este palmarés que estes dous estudantes atópanse na elite do taewkondo en España, o que levou a ambos ata o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, situado a poucos metros do campus no que se forman. Alí compaxina o tapiz cos apuntes Borja Ríos e alí pasou os últimos cinco anos Lara Ouviña, que tras licenciarse en Ciencias da Actividade Física e do Deporte decidiu este curso retornar a súa Ribeira natal, onde continúa compaxinando os seus estudos universitarios coas sesións de adestramento. Non obstante, combinar estas dúas facetas non é algo que resulte doado, como recoñece Ríos, que admite que os seus estudos non avanzan ao ritmo que lle gustaría. “Adestro pola mañá e pola tarde, polo que só podo ir as clases prácticas”, recoñece este alumno, que tamén exerce como monitor de taekwondo en dous colexios da localidade. Xa que, pese aos títulos que acumula, este deporte non deixa de ser para el unha afección que lle supón “horas e gastos”. Nunha situación similar atópase Ouviña, que actualmente exerce como profesora no ximnasio de Ribeira onde deu os seus primeiros pasos como deportista e onde agora achega ao seu amor por este deporte a diferentes grupos de nenos e nenas.

Repetir ouro en 2015?

Se aos adestramentos, ao traballo e ás clases se lle suman a súa participación nas fins de semana en diferentes probas do circuíto estatal e internacional como representantes da selección galega, queda claro que nin Ríos nin Ouviña teñen demasiados ocos libres no seu calendario. Mais hai unha data sinalada na que tratan de estar presentes cada ano, o Campionato de España Universitario. “O nivel deste torneo é basicamente o mesmo que nos campionatos de España absolutos”, explica Ouviña, que apunta ao “bo ambiente” que se vive no equipo universitario como un dos motivos que lles leva a repetir presenza ano tras ano. A isto hai que engadir ademais o feito de que “aínda que vas a gañar igual que sempre, falo con menos presión, polo que pásalo mellor”, como engade Ríos.

Un deporte que lles vén no sangue

Recoñecen estes dous deportistas que o taekwondo é unha disciplina que implica “moito sacrificio, xa que obriga a manterte nun peso, polo que ao final estás todo o ano a dieta”, como explica Ouviña. Pero tamén deixan claro o moito que lles gusta unha arte marcial que practican desde que eran uns nenos. Niso teñen boa culpa Miguel Ángel Cortegoso e Juan Luis Martínez, tíos de Ríos e Ouviña, respectivamente, e tamén os seus primeiros adestradores nos ximnasios que dirixen en Pontevedra e Ribeira. “O taekwondo é o deporte que levamos practicando desde pequenos e grazas ao que coñecemos a moita xente”, destaca Ouviña. “Ademais, tamén che permite viaxar”, engade Ríos, que nos últimos meses competiu en Israel Holanda ou Alemaña e que sostén que, “aínda que os viaxes sexan algo pesado, son tamén unha experiencia da que sempre sacas algo bo”.

As olimpíadas como o reto no horizonte

Seguir competindo e intentar gañar todo o que poidan son, basicamente, os plans de futuro tanto de Ouviña como de Ríos. De feito, os obxectivos deste último pasan por “intentar gañar o campionato de España e ir ao europeo e ao mundial”. Claro que no horizonte deste pontevedrés non quedan fóra os Xogos Olímpicos, “o soño de todo deportista”. Por iso, esta tempada pasou de competir en -63 quilos a facelo en -58, xa que esta última é unha categoría olímpica. Iso si, tamén deixa claro que este horizonte está por agora algo distante. “Ir ás olimpíadas de 2016 é xa case imposible, porque as prazas van en funcións dos puntos obtidos nos open internacionais e aínda empecei este ano a competir neste peso”, explica. No caso de Ouviña, o feito de o que peso no que compite non sexa unha modalidade olímpica fai que este soño sexa xa máis remoto, como recoñece esta ribeirense, que admite que, “ao estar traballando, teño o taekwondo algo apartado, polo que, aínda que adestro todos os días, xa non me presiono tanto á hora de ir aos campionatos”. Mais isto tampouco significa que renuncie a optar entre as mellores e entre os seus obxectivos atópase competir nos campionatos de Europa e do mundo da categoría sénior.