DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta fin de semana comeza a rodaxe de dous videoclips enmarcados dentro do proxecto 'Can Campus'

Cans ponse ás ordes do alumnado de CCSS e da Comunicación

Nas gravacións participarán máis de 75 persoas entre estudantes, profesores, grupos musicais e veciñ

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 13/04/2012

Se a choiva o permite, os veciños e veciñas da aldea de Cans volverán pórse ás ordes do alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para rodar, entre o 15 e o 16 de abril, dous dos tres videoclips enmarcados dentro do proxecto Can Campus, unha iniciativa que nace dun convenio de colaboración entre a Universidade e o Festival de Cans para crear sinerxías entre o mundo profesional e académico. Por segundo ano consecutivo, a parroquia converterase nun grande escenario de gravación no que participarán máis de 75 persoas entre estudantes, profesores, grupos musicais e veciños, afrontando dúas longas xornadas de traballo cun plan de rodaxe tanto de mañá como de tarde.

Este proxecto, titorizado polos profesores Oswaldo García e Carlos Soutelo, crea un espazo de formación universitaria baseado na creación de videoclips que se desenvolve nun contexto profesional, pero controlado academicamente. Ademais do apoio docente, os máis de 20 estudantes do centro seleccionados para Can Campus contarán co asesoramento e consellos de dous profesionais con dilatada experiencia na realización de videoclips, Juan Lesta e Belén Montero, que xa colaboraran na primeira edición. O decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, sinala que esta experiencia permítelle ao alumno integrarse na realidade audiovisual dunha forma progresiva e guiada ao mesmo tempo “que crea unha canle de colaboración entre o mundo profesional e o universitario”.

Dado o éxito da edición anterior, os impulsores desta iniciativa, o profesor García e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, decidiron ampliar a colaboracíón cun aumento do número de proxectos audiovisuais realizados dende a facultade, pasando de unha a catro pezas. Desta rodaxe “intensa” sairán dous videoclips para os grupos musicais emerxentes Glasgow e MeDoMeDá e paralelamente, un grupo de alumnos e alumnas de Publicidade e Relacións Públicas realizará un making of e unha campaña viral para promocionar o festival. Quedaría pendente outra rodaxe, a do vídeo musical da Banda Crebinsky, programada para finais de abril.

Proxectos de fondo

Nos proxectos están implicados os veciños e veciñas da parroquia de Cans, con funcións en diferentes fases do plan de traballo, tanto na localización de espazos, nas tarefas de produción ou como actores e figurantes, o que converte a Can Campus “nunha actividade socialmente interesante para a parroquia e para a xente maior, facéndoos partícipes e protagonistas das pezas audiovisuais e integrándoos no proceso”, destaca o profesor García.

Ao longo dos meses de marzo e abril, os estudantes desenvolveron todo o traballo de preprodución e localización para que esta fin de semana “estea todo a punto”. Tras a rodaxe, centraranse na posprodución co obxectivo de estrear as pezas no festival, que se celebrará do 23 ao 26 de maio. Os alumnos e alumnas seleccionadas, aínda que pendentes das condicións meteorolóxicas, amósanse moi ilusionados coa rodaxe, “vai ser unha experiencia profesional inesquecible”, comenta Fátima Santiago, unha das estudantes.