DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnas do Máster en Dirección de arte en publicidade ilustran a revista mensual da compañía galega

A canteira do campus viste de outono a R

A propia empresa escolleu as propostas finais para a súa publicación que a consultan 150.000 cliente

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 06/09/2012

Todo comezou como un exercicio de clase e agora miles de galegos están a descubrir o seu talento. Laura Alonso, Cristina Fernández, Adriana Villamisar e Cristina Veiga, alumnas do Máster en Dirección de arte en publicidade, póñenlle cara á portada da edición de setembro da revista R, que recibe a comezos de cada mes os seus clientes para informalos das novidades nos servizos. “Nestes momentos tan difíciles nos que o traballo escasea, os que estamos empezando e temos moitas ganas de traballar e adquirir experiencia, que unha publicación con tanta difusión publique as nosas propostas fainos visibles no panorama autonómico”, salienta Adriana Villamisar.

Esta iniciativa xurdiu o ano pasado da man da axencia de publicidade quattro idcp que ten entre a súa carteira de clientes á empresa R e que mantén unha estreita colaboración co mestrado, tanto que dous dos seus profesionais completan a lista de docentes deste posgrao. Nun exercicio de clase, Xaime Conde e Xabier Balado, de quattro idcp, aconselláronlle ao alumnado que dese renda solta á creatividade e que deseñase a primeira páxina da revista R, unha publicación gañadora de varios premios e de máxima difusión a nivel galego. As mellores propostas foron preseleccionadas e enviadas a R que finalmente elixiu como portada e como ilustracións interiores as creacións de Laura Alonso, Cristina Fernández, Adriana Villamisar e de Cristina Veiga e que este mes “ilustran e enchen de cor e frescura as páxinas da revista”.

O certo é que as catro alumnas séntense moi ilusionadas polos resultados obtidos, “é un soño feito realidade”, confesa Cristina Fernández, autora da portada, un deseño estacional co que buscou capturar a esencia do outono empregando un esquío como símbolo. “Substituín as landras polo logotipo de R converténdoo no obxecto de desexo”, explica Fernández que botou man da papiroflexia para culminar a súa proposta. Pola súa banda, Laura Alonso propúxose converter a primeira páxina da revista nunha folla de libro mentres que Adriana Villamisar bebeu das influencias de Andy Warhol e de Salvador Dalí para impregnar a R dunha estética pop e surrealista. “Reparei nestas correntes artísticas porque nelas o mundo dos soños cobran gran protagonismo”, apunta Villamisar que xa recibiu felicitacións polo seu traballo “e non mo creo”, recoñece. Cristina Veiga xogou co concepto de remake no sentido máis literal, “volver facer, cambiar as cousas mellorar”, aclara a alumna, que igual que as súas compañeiras, sente “unha gran satisfacción por ser unha das seleccionadas tendo en conta ademais a filosofía da revista, que sempre aposta pola creatividade”.

Un escaparate inmellorable

Ademais da ilusión de ver publicados os seus traballos, son conscientes de que este logro enriquece e dálle valor aos seus currículos profesionais. “Constitúe unha marabillosa experiencia formativa para os estudantes da titulación, pois a maioría deles nin se imaxinaba que un exercicio de clase puidese ser publicado nunha revista consultada por case 150.000 galegos”, sinala o profesor Pedro Pablo Gutiérrez, novo coordinador do mestrado, co que coincide Cristina Moreira que reflexiona que publicar nun medio de difusión que chega a tanta xente “proxecta o noso talento non só entre a xente do sector, senón tamén entre o público en xeral o que fai que o recoñecemento sexa máis evidente”.

Nestes momentos, as catro estudantes seguen vinculadas ao mundo da creatividade, ben realizando prácticas en axencias de publicidade, ben como freelance. Séntense moi agradecidas con R, con quattro idcp e co profesorado do mestrado pola oportunidade brindada. “Oxalá máis empresas confiasen máis nos novos talentos xa que moitas veces vale máis a xuventude, o entusiasmo e as ganas que a propia experiencia laboral”, conclúe Adriana Villamisar.