DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de segundo grao en Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual presenta a curta ‘Cisma’

A canteira de Comunicación sae a rodar fóra das aulas

Tentan levar á práctica os coñecementos teóricos acadados durante o curso

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 12/01/2011

Buscan complementar a súa formación e acadar experiencia no mundo do audiovisual. Dous estudantes do grao de Publicidade e Relacións Públicas, Sabela Souto Bautista e Jacobo Martínez Casal, e dous máis de Comunicación Audiovisual, Germán Pérez Iglesias e David Tom Villa, acaban de rematar a montaxe de Cisma, unha curtametraxe de catorce minutos na que levan traballando máis de medio ano e que proximamente estrearán. Aínda que todos xa teñen unha formación previa en imaxe e son, atópanse nos primeiros cursos da carreira e pensan que facer proxectos “é o mellor xeito de asentar os coñecementos adquiridos nas aulas”, apuntou Jacobo Martínez, produtor da peza.

Pese a que a preparación dunha peza audiovisual de tal envergadura quita moitas horas, compaxínano perfectamente cos seus estudos pois como expresou un dos alumnos, “cando che gusta algo sacas o tempo de onde sexa”. Tentan levar á práctica todos os coñecementos teóricos adquiridos na Universidade, ademais de que cren que é imprescindible “aproveitar estes catro anos non só para asistir a clase, senón para desenvolver proxectos propios que nos permitan ir facendo currículo”, explicaron. No mundo da creación audiovisual consideran que a traxectoria dun profesional é moi importante e “o que se vai valorar de nós, ademais do título universitario, son os traballos feitos, algo que ensinar ao final e que amose a nosa valía”, en palabras de Sabela Souto.

Financiamento

Para eles o orzamento non supuxo un problema. Segundo o produtor “a curta valeunos 150 euros, case nos saíu a custo 0”. Isto débese a que contaron coa colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación que lles prestou todo o material audiovisual necesario para os tres días de rodaxe.

Cisma conta a historia dun home que está pechado nunha cela e chega un novo compañeiro de prisión e comezan a falar, establecendo unha conversa coa que se dá a coñecer as verdadeiras razóns polas que están encerrados. O guión é orixinal do alumno de Comunicación Audiovisual Germán Pérez, que tamén desempeñou o papel de director. Nun principio a curta titúlabase La Celda, pero “pola chegada aos cines da tan afamada Celda 211 decidimos mudar o título”, aclarou Jacobo Martínez.

Gravada nos terreos da ETEA

A curtametraxe está filmada nun dos edificios con calabozos da ETEA. “Foi o lugar idóneo porque atopamos celas baleiras e accesibles, nas que poder traballar comodamente, con espazo suficiente para o despregamento de todo o material audiovisual”, engadiu Sabela Souto.

Tan consolidado teñen o grupo de traballo, que planean a longo prazo montar unha cooperativa audiovisual, aínda que na actualidade se conforman con xuntarse “para levar a cabo os seis guións que temos no caixón”. Pero o seu empeño non queda aí xa que algún deles colabora co voluntariado da Universidade de Vigo na elaboración de material publicitario e audiovisual.