DUVI

Diario da Universidade de Vigo

LPRO Days consiste nunha presentación pública de traballos en grupo de estudantes de 4º curso

A canteira da Enxeñaría de Telecomunicación amosa a seu potencial con proxectos tecnolóxicos innovadores

As propostas relacionadas con Apps e redes sociais son maioritarias

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 10/04/2015

Arredor de 70 estudantes e 13 proxectos que serven para amosar as súas capacidades tanto tecnolóxicas como organizativas e para demostrar o que son quen de facer os alumnos e alumnas que este ano rematan o Grao en Enxeñaría de Telecomunicación. Detrás desta mostra está o profesor Carlos Mosquera, que decidiu o ano pasado converter a materia que imparte nun laboratorio real de proxectos. Divididos en grupos de cinco ou seis persoas e coa titorización de dous docentes, levan tres meses traballando nun produto, aplicación ou sistema innovador que será do que dependa a súa nota final. Nesta segunda edición do que se denomina LPRO Days o docente involucrou a 20 profesores do centro que axudan e avalían os traballos dos grupos e tamén introduciu algunhas novidades, xa que todos dos grupos son multidisciplinares, con estudantes de polo menos dúas especialidades do grao.

Onte comezaron coas presentación orais e este venres expuxeron os seus proxectos nos corredores do centro, atendendo as preguntas e dúbidas doutros compañeiros e docentes. Carlos Mosquera destaca que este tipo de iniciativas permiten mellorar competencias transversais como o traballo en grupo, a comunicación, etc, pero tamén lles “axuda a subir a autoestima, a comprobar o que son capaces de facer cos coñecementos que teñen”. Tamén destaca a vertente de transferencia que teñen este tipo de traballos xa que os estudantes comproban o impacto social, económico e ambiental das súas propostas e algúns mesmo presentaron o seu proxecto como unha simulación de empresa, tendo en conta normativas, lexislación, plan de negocio e comercialización, etc. “a pesar de que non era parte do traballo esixido”, destaca Mosquera. O docente explica que o ano pasado, pese a ser a experiencia piloto, algunha das propostas transcendeu máis aló desta actividade e entrou na convocatoria de Galicia Open Future, como é o caso de HelpPark. Pero este escaparate tamén é importante para amosar o potencial dos estudantes ante os seus compañeiros de cursos anteriores, de amosar en que se transforma a formación que reciben durante o grao e para motivalos e que vexan algo real como resultado do traballo de enxeñaría.

Trece proxectos entre os que predominan as aplicacións e as redes sociais

O profesor Carlos Mosquera explica que tanto os propios compañeiros, como os titores e un tribunal do que el forma parte, xunto coa profesora Edita de Lorenzo, avaliarán os proxectos e o traballo de cada un dos membros dos grupos para establecer a nota final da materia. Entre os trece presentados destaca que predominan as aplicacións móbiles, as redes sociais e os dispositivos programables, como reflexo dos campos máis activos na realidade tecnolóxica actual. Nos corredores da EET púidose ver un sistema de xeolocalización mediante pulseira para dependentes, unha aplicación para compartir música de xeito anónimo entre localizacións próximas, unha maceta intelixente e rede social para afeccionados ás plantas, un sistema de control ambiental do fogar, outro para a detección e aviso de situacións anómalas, un Theremin ou instrumento electrónico que soa sen necesidade de tocalo fisicamente, un controlador táctil de móbil para bicicletas, un espectrómetro baseado en Arduino, unha aplicación para a integración de datos de explotacións agrarias en ERP, un detector de inclinación dun robot controlado por radio, un controlador de bomba de calor de xeotermia, un sonómetro baseado en Arduino e un radar de corto alcance en banda S.

Catro exemplos da innovación e a creatividade

Os creadores de cada unha destas ferramentas atenderon ao longo da mañá a compañeiros e docentes interesados polos seus proxectos. Os seis creadores de Plantastic explicaban que o seu proxecto é unha maceta intelixente que mide parámetros das plantas como humidade, luz, temperatura, etc de xeito que permite saber cando regar, cando precisa sol, etc. Pero Plantastic é tamén unha rede social para afeccionados á floricultura que poden estar en contacto e crear unha clasificación das mellores plantas e flores votando entre os membros. “É unha aplicación para os dispositivos móbiles”, explican, a través da que coñecer os parámetros das plantas dun xeito automatizado que permite non só o control, senón tamén aprender, porque indica os valores óptimos para cada unha, polo que serve non só para iniciados en xardinería”.

Remi é outra das propostas dos alumnos e alumnas. Un robot que, como subliñan os seus creadores, “serve para xerar mapas topográficos robotizados”. O aparello fai varridos do lugar movéndose por el e traslada as medidas ao ordenador xerando un mapa e destacan que está pensado para o campo da enxeñaría de minas, de maneira que permita facer os mapas sen necesidade dunha persoa cun trípode medindo as características do terreo. “Neste caso o prototipo está orientado especificamente para detectar a inclinación”, pero acoplando máis sensores "é sinxelo amplialo e darlle calquera outro parámetro, explican.

Outro dos grupos presentou unha innovación relacionada coa música, ao acoplar a un Theremin (un instrumento musical que se tocan ser ter ningún contacto físico con el) un sistema de difusión de audio xerado por streaming. Deste xeito, o Therestreaming emite e dúas antenas modula a frecuencia e a amplitude. A innovación reside en que a música se pode escoitar en calquera lugar do mundo a través de internet en streaming.

DroidMotion é un controlador táctil inarámico para Android deseñado por outro dos grupos de estudantes. A súa finalidade é facilitar o uso do teléfono móbil nas bicicletas evitando que a persoa teña que soltar as mans. “Unha cruceta na parte dianteira convértese nun lanzador de aplicacións”, explican, de xeito que cada persoa configura unha especie de acceso rápido ás aplicacións que máis emprega no seu teléfono: chamada, gps, música, mensaxes, alarmas, fotografías, etc e faino de xeito automático, sen tocarlle ao móbil, que está sincronizado por Bluetooth co DroidMotion. Permite configurar os cinco accesos directos máis habituais e conta con cuberta e sensores resistentes, polo que o ciclista non ten que preocuparse dos posibles impactos.

Finalmente, un xurado de expertos do Centro de Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia examinou os proxectos ao longo da mañá e seleccionou como gañadores a SGAN, o sistema de xeolocalización para anciáns e nenos; DroidMotion, o controlador táctil para dispositivos móbiles en bicicletas e o espectrofotómetro.