DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alba Cardalda amosará en Madrid a súa primeira colección, inspirada nos edificios de Niemeyer

A canteira de Esdemga vólvese subir á pasarela do Ego de Cibeles

Os seus estilismos, froito da experimentación, tentan fuxir “do obvio”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 15/09/2011

Cos nervios característicos da primeira vez, Alba Cardalda, alumna recentemente titulada nos Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia, Esdemga, viaxa a Madrid para subirse á pasarela do EGO de Cibeles Fashion Week, un dos principais espazos dirixido ás novas promesas do deseño en moda. Alumna da cuarta promoción, que iniciou a súa andaina na Pasarela Debut 2010, aproveitará ao máximo esta oportunidade para amosar as súas creacións de primavera/verán 2012 no escaparate de maior proxección internacional do país.

A nova deseñadora enfrontarase á crítica internacional o próximo 20 de setembro competindo con outras dez promesas da moda, aínda que será a galega a encargada de romper o xeo. Presentará oficialmente a súa opera prima, unha colección inspirada nas propostas arquitectónicas de Óscar Niemeyer que lle permitiu gañar o premio áccesit en Debut 2010. “A arquitectura é unha parte importante da miña vida e Niemeyer non segue unhas vías correntes polo que non imaxino un referente mellor”, explica Alba Cardalda. Participa cun total de vinte propostas “deportivas e urbanas” tanto para home como para muller nas que xoga coa cor e coa mestura de materiais, fusionando elementos tecnolóxicos como o plástico de PVC (policloruro de vinilo) ou o tyvec (gorotex vexetal) con puntos de algodón e terciopelo. Completa os estilismos co uso de cascos, avións, figuras, mochilas... a modo de complementos, “cunha homenaxe incluída ao xogo do scalextric”. O resultado final, unha colección na que abundan as formas xeométricas cunha sensación marmórea e curvas cóncavas e convexas que outorgan un certo barroquismo visual.

Fuxir do obvio

Alba Cardalda teno claro. A única posibilidade que ten de destacar por riba das novas mentes creadoras “é fuxindo do obvio”, xa que no pouco tempo que dura o desfile “hai que convencer”. Así a nova titulada de Esdemga opta sempre pola experimentación, “pois probando cousas novas é como se consegue distinguirse do resto”. O certo é que estar presente neste tipo de desfiles destinados á promoción de novos talentos permite, ademais de facer contactos, relacionarse coas principais referencias do sector téxtil do panorama nacional para coñecer de primeira man o seu método de deseño e traballo. Tamén supón “a plataforma ideal para que o teu traballo chegue á retina de moitas persoas interesadas, situación que de outra maneira non sería posible”, engade.

En canto a proxectos de futuro, “a partir do día 20 comezarei a pensar neles”, aclara a nova deseñadora, que nestes momentos continúa cos seus estudios de moda na Parsons School de Nova York. Admite que lle “encantaría” embarcarse na aventura de crear unha marca propia, como compañeiras de Esdemga de anteriores promocións, “aínda que son moi nova e a experiencia de traballar nunha empresa consolidada pode ser moi positiva para a miña aprendizaxe”. Como nova deseñadora, asume que as grandes cadeas de roupa como Inditex democratizaron a moda e “conseguen deseñar, fabricar, distribuír e vender coleccións case coa mesma rapidez con que un cliente modifica os seus gustos. Xogan nunha liga diferente e son os campións”, conclúe.

Alba Cardalda únese a unha longa lista de titulados de Esdemga que interviron en edicións anteriores do Ego de Cibeles. O pasado mes de febreiro a ex alumna Victoria Monasterio presentaba a súa nova colección de outono/inverno, tras ter participado hai un ano no showroom da mesma pasarela xunto con Paula Arnoso e Esther Lebrato. Por outra banda, Eva Soto, que finalizou os seus estudios en 2009, foi a única concursante galega seleccionada no Desfile Internacional de Vestidos de Papel de Gueñes 2011, celebrado en Bilbao o pasado 10 de setembro, no que logrou o primeiro premio na categoría de adultos e o segundo na categoría infantil.