DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentado o libro cos resultados das 12 proxectos financiados na convocatoria INOU 2013

Canteira investigadora para solucionar os problemas reais da provincia

Violencia de xénero, detección de incendios ou novas tecnoloxías na política, algunhas das temáticas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 10/12/2014
Coñecer máis e mellor o territorio que nos rodea, cos seus problemas e oportunidades, é fundamental para o desenvolvemento de calquera poboación e para buscar camiños de futuro. Por iso hai que ollar todo “dende múltiples ópticas” para chegar a solucións que non procedan dun só ámbito de coñecemento. Con esa idea, a Vicerreitoría do campus e a Deputación Provincial de Ourense convocaron as axudas INOU 2013, coas que se repartiron 50.000 euros entre 12 equipos investigadores e das que este mércores se presentou unha publicación con todos os seus resultados. "É unha convocatoria con valor múltiple: ademais do novidoso enfoque territorial, é a única que se fai específicamente nun campus e dáselle a posibilidade a novos investigadores de ter a súa primeira experiencia como IP nun proxecto. E a canteira que vén pisando forte", explicou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense.

A convocatoria dos proxectos INOU foi “un instrumento modesto que, sen embargo, posto nas mans do persoal investigador da Universidade de Vigo multiplicou a súa forza” para cumprir co obxectivo da convocatoria: apoiar as investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade. É un método para "dinamizar a investigación do campus" e visibilizar os froitos acadados que esperta moito interese entre a comunidade científica, xa que na edición de 2014 presentáronse 24 proxectos entre os que a comisión avaliadora tivo que elixir un máximo de 12, ata dúas por centro.

O libro, titulado Proxectos INOU 2013. Investigación aplicada na provincia de Ourense, foi presentado en sociedade este mércores polos seus coordinadores: Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; María Lameiras, profesora do departamento de Análise e Intervención Psicoeducativa da Universidade de Vigo; Alberto Vaquero, docente de Economía Aplicada e responsable do Programa de Maiores do campus ourensán; e Antón Vila Sobrino, director do CITI.

Investigacións de todos os ámbitos

Este novo volume recolle estudos que analizan materias de todos os ámbitos e de todos as facultades e escolas do campus de Ourense, dende a explotación turística en distintos territorios da provincia ata as novas tecnoloxías na prevención de incendios ou o seu uso na política, pasando por un tema tan de actualidade como a violencia de xénero. Os artigos están asinados por unha mestura entre investigadores cunha dilatada traxectoria, como Beatriz Comendador, Xosé Manuel Cid, Ana Gueimonde ou José María Faílde, e investigadores emerxentes, como Marta López, Patricia Alonso ou Pablo de Carlos.

O primeiro dos proxectos cos que participou a Facultade de Historia foi Debuxantes ourensáns na revista Nós e La Zarpa. Especial dedicación a Xulio Prieto Nespereira, Cándido Fernández Mazas e Manuel Méndez, que descobre probas da realidade social e política deixadas por estes autores de vangarda nunha etapa marcada pola ditadura de Primo de Rivera, a chegada da II República e o comezo da Guerra Civil española. "É un luxo contar con iniciativas como esta que dan unha oportunidade aos novos investigadores sobre todo nos tempos que corren", salientou a investigadora principal deste proxecto, Marta López. Mentres, o segundo traballo, Proxecto Alto Támega: accións na paisaxe patrimonial, recolle o balance dun proxecto para fomentar e potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais do val do río Támega a través da intervención específica sobre dúas estacións de arte rupestre, unha primeira aproximación ao patrimonio industrial xeolóxico-mineiro da zona e a contextualización de ambas accións no estudo territorial dos xacementos prehistóricos.

Pola súa banda, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo saíron traballos relacionados coa Baixa Limia e os parques naturais ourensáns. No primeiro deles analizouse o potencial dos recursos naturais do territorio para poder ofertala e "conseguimos contextualizar o que é o turismo activo e deseñar un perfil do seu usuario", como explicou o investigador Pablo de Carlos. No segundo, estimouse o impacto socioeconómico da xestión do destino turístico "área protexida" na Serra do Xurés, en O Invernadoiro e a Serra da Enciña de Lastra, así como das dúas reservas da biosfera da provincia, onde a competitividade económica descendeu nos últimos anos "pero a satisfacción coas variables de calidade de vida resulta elevada ao igual que o turismo como impuslsor desa calidade", explicou a investigadora Lidia Blanco durante a presentación dos proxectos este mércores no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Twitter, incendios e estereotipos sexuais

Na Facultade de Ciencias da Educación xestáronse dous investigacións ben diferentes. Investigadores do departamento de Análise e Intervención Psicoeducativa analizou os estereotipos sobre homes e mulleres que os agresores de violencia de xénero que están no cárcere ou asisten ao Servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas, nos que detectaron importantes actitudes sexistas "hostís e benevolentes" e a través do que destacaron a relevancia de que participen nos programas de intervención e de fomentar a igualdade para rachar coas barreiras de xénero impostas na sociedade. Mentres, outros do departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía centráronse nos usos políticos de Twitter fóra de campaña electoral.

Dentro da Facultade de Ciencias, o grupo EPhysLab combinou dúas ferramentas para analizar a interacción de fluxos complexos de aua con terreos reais e calcular a traxectoria dese fluxo durante eventos extremos de choiva, chegando a tratar o uso de solucións de enxeñaría para aliviar as inundacións. Xa na Escola Superior de Enxeñaría Informática dous equipos investigadores afondaron por unha banda na mellora do Biofilm Experiment Workbench, a primeira ferramenta informática para a análise de experimentos sobre biofilmes, e, por outra, na detección rápida de conatos de incendio na provincia ourensá con imaxes obtidas con drones de baixo custe.