DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra o vindeiro xoves 21 de novembro

A canteira da moda pontevedresa ultima o seu Debut

70 modelos subirán á pasarela os deseños de 19 novos creadores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/11/2013

A creatividade volverá subirse á pasarela o vindeiro xoves 21 de novembro cunha nova edición de Debut, o desfile de moda no que se presentan os mellores traballos fin de estudos dos alumnos e alumnas dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza. Preto de 70 modelos vestirán as 19 coleccións ideadas e confeccionadas por outros tantos estudantes que, uns deseños que segundo a directora da Esdemga, Lola Dopico, “son profundamente emocionantes e de moi alta calidade”. A pasarela Debut consolídase así, por sétimo ano consecutivo, no outono pontevedrés como un punto de achegamento entre a Universidade de Vigo e a sociedade, amosando a capacidade creativa e innovadora dos seus estudantes.

Na presentación do desfile e das actividades paralelas programadas para toda a vindeira semana, á que asistiu a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Rivero, destacou a fortaleza deste evento que, “a pesar das dificultades económicas deste tempo, segue arraigándose na cidade”. E faino con moito esforzo e grazas á colaboración, ademais do Concello de Pontevedra, de numerosas empresas ás que Dopico agradeceu o seu apoio para “sacar adiante un tipo de evento que normalmente ten detrás axencias, equipos de comunicación e moitos profesionais que, neste caso, son substituídos por un equipo docente” que, con ilusión e esforzo consolida esta cita. E é que, como explica Dopico, este é “un evento académico con forma de desfile, a cita máis importante do ano para nós, unha festa para celebrar a calidade da formación que acadan os nosos estudantes; que a cidade ano tras anos agarde por este evento é unha sorpresa é unha recompensa ao traballo”.

Loewe, HPFrance e Desigual, no xurado

Catro profesionais do eido da moda compoñen o xurado que deberá elixir a mellor colección sobre a pasarela. Segundo explicou Lola Dopico, “sempre procuramos que teñan unha compoñente internacional, que este ano vén dada por Takanao Muramatsu, presidente de HPFrance, “un dos grupos máis interesantes do mundo pola súa combinación de moda e arte e a súa concepción vinculada ás galerías, algo que leva ás súas tendas de Nova York ou Toquio”. Acompañará a Maramatsu no xurado, Enrique Loewe, presidente de honra da Fundación Loewe. A directora de Esdemga cualifica a súa colaboración como un privilexio, “porque nos achegará a súa visión como decano da arte e o seu gusto e coñecemento do debuxo”. O terceiro membro será Marc Calabia, director de produto de Desigal, con experiencia tamén na marca Levi Strauss e en L’oréal. Completa o xurado Jeanette Nkwate, de WGSN, compañía líder en investigación por internet, análise de tendencias e noticias da industria da moda e o estilo.

Obradoiros, exposicións e contactos con empresas

A partir deste luns botan a andar os obradoiros que dende Esdemga se organizan nesta particular ‘semana da moda’. O luns pola tarde arrancan na Facultade de Belas Artes os talleres de maquillaxe para estilismo de moda, que impartirá Guy Pranzili e Silvia Fervenza, perruqueiro e estilista de teñen traballado para marcas como Bimba y Lola ou Carolina Herrera e en pasarelas como as de Milán ou París; o obradoiro de xastrería, que será impartido por JJ Boullosa, emblemático profesional pontevedrés con 30 anos de experiencia; e o obradoiro de tecido artesanal en tear, que se impartirá tamén durante o martes e o mércores e correrá a cargo de Anna Champeney, especializada en deseño e elaboración de tecidos con fibras naturais. Xa o martes, impartirase un obradoiro de retoque dixital para fotografía de moda, da man de Mariana Maglio, do estudo fotográfico Nevera 2000, onde é responsable de tratamento e procesado de pos-produción dixital.

Outra das tradicionais actividades paralelas a este desfile son as xornadas técnicas profesionais, que ofrecen aos estudantes de moda a posibilidade de realizar as súas primeiras entrevistas de traballo. Para iso, na mañá do venres haberá na Casa das Campás, un encontro con responsables de recursos humanos de sete empresas confirmadas ata o momento. Posteriormente, poderán tamén asistir a un relatorio de Enrique Loewe que afondará, a partir das 12.30 horas, no papel da artesanía na nova sociedade.

A programación complétase con dúas exposicións que se poderán visitar no Pazo de Congresos o propio día do desfile. Por unha banda, no Proxecto Desigual recóllense os traballos que os estudantes realizaron a partir desta marca, coa que Esdemga ten un convenio para completar a formación dos futuros deseñadores. Esta actividade está coordinada polo creador José Castro que, xunto con Marc Calabia, director do produto desta marca, avaliarán as propostas dos estudantes. A outra exposición recolle os traballos do Proxecto Punto: Knitting Experience no que, coa colaboración da deseñadora Sara Coleman, os alumnos e alumnas realizan propostas baseadas no punto, un campo que Dopico destacou por tratarse “dun territorio especialmente complexo, xa que non se parte de teas, senón de fíos”.

O desfile comezará ás 20.00 horas no Pazo de Congresos e Exposicións e a directora de Esdemga adianta que haberá “algunha que outra sorpresa entre os modelos”. O programa completo pódese consultar aquí:

Programa completo (468.06 Kb)