DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No concurso "Marine Inova 2010", impulsado por Marine Instruments e Inova Consultores

A capacidade de innovación do alumnado universitario ten premio co Campus do Mar

O reitor reuniuse este xoves cos directores de ambas entidades para formalizar un convenio de colabo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 07/10/2010

O Campus do Mar segue sumando apoios ao tempo que incrementa a implicación do estudantado coa posta en marcha do concurso Marine Inova 2010, o primeiro galardón sobre innovación tecnolóxica aplicada ao medio mariño dirixido ao alumnado universitario. Co fin de impulsar conxuntamente esta iniciativa, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, reuniuse este xoves co director de I+D de Marine Instruments, Francisco Manuel Pino e o director de Inova, Consultores en Excelencia e Innovación Estratéxica, Alberto Casal, para asinar un convenio de colaboración e establecer as bases do concurso que establece premios por un importe de 6000 euros para os tres mellores proxectos.

Segundo manifestou o reitor da Universidade, Salustiano Mato, “esta alianza é un exemplo bastante significativo do que vai ser a agrupación estratéxica do Campus do Mar, posto que contribúe a xerar un módulo de transferencia de coñecemento e tecnoloxía xunto con empresas empapadas na cultura da innovación, que teñen claro cal é a súa demanda e o que poden recibir do Campus do Mar”.

Pola súa banda, o director de Marine Instruments manifestou o seu desexo de “achegar o noso grao de area para este proxecto vital para a Universidade, Vigo e Galicia e situarnos nunha nova etapa de coñecemento e investigación que supón un valor engadido”. Pola nosa presenza no ámbito da innovación e o mar, o Campus do Mar é un gran apoio para nós e desexamos que saia adiante Ademais, ambos directores salientaron a necesidade de animar e motivar ao estudantado da Universidade “para que teñan actitude e sexan un bo exemplo para cambiar as cousas co seu esforzo e traballo” sinalou Pino.

 

A excelencia da innovación, en mans do alumnado

A orixinalidade, a eficiencia e a innovación son os elementos clave que deberán posuír os proxectos que se presenten ao concurso Marine Inova 2010, no que poderán participar alumnos e alumnas de todas as universidades adheridas ao proxecto do Campus do Mar. Nesta liña, o reitor salientou as capacidades do estudantado da Universidade de Vigo afirmando que “os nosos alumnos e alumnas teñen a vantaxe de posuír un gran potencial creativo, o que precisan son oportunidades para ser recoñecidos e esta iniciativa lles abre moitas portas” sinalou.

Para concursar, o alumnado deberá levar a cabo proxectos baseados en tecnoloxías que teñan aplicación directa ao medio mariño dentro de todas as áreas de especialización incluídas no Campus do Mar, como a explotación sostible dos recursos, a exploración do medio ou a súa conservación. Ademais da presentación do traballo, os concursantes deberán engadir o seu currículo e unha memoria do proxecto en formato pdf e inferior a 25 páxinas nas que figure un resumo do mesmo, así como os obxectivos, metodoloxía, plan de traballo, grao de innovación, conclusións e aplicacións prácticas. Así mesmo, se valorará especialmente a realización dunha maqueta física ou un prototipo do produto final como complemento ao proxecto escrito.

O prazo de admisión de proxectos permanecerá aberto ata mediados de xuño do 2011, debendo ser enviados ao enderezo campusmar@uvigo.es. De todos os traballos recibidos, realizarase unha preselección de candidatos que exporán publicamente o seu proxecto.

6000 euros para os mellores proxectos

Un total de 6000 euros premiarán os mellores proxectos presentados ao concurso, sendo o primeiro premio de 3000 euros, o segundo de 2000 e de 1000 o terceiro. Ademais, os candidatos que obteñan o primeiro e segundo lugar terán a posibilidade de realizar tres meses de prácticas nas empresas Marine Instruments e Inova Consultores.

Para poder optar aos premios, os proxectos deberán superar unha nota de 60 puntos sobre 100 outorgados polo xurado, que valorará especialmente a calidade e o grao de funcionalidade do proxecto, que pode contabilizar ata 50 puntos, seguido do grao de innovación e o nivel tecnolóxico do proxecto, valorado en 25 puntos cada un.

O xurado estará composto polos directores e membros das dúas entidades promotoras, así como da Universidade de Vigo, representada polo vicerreitor de Transferencia, José Antonio Vilán, ademais doutros especialistas convidados propostos polo Campus do Mar entre os 1260 doutores que o compoñen. Tras a súa deliberación, terá lugar a entrega de premios na Universidade de Vigo.