DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo as conclusións dunha tese de doutoramento

O capital intelectual determina a capacidade innovadora da empresa

A autora do estudo analizou 68 empresas do sector da automoción na Eurorrexión

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 01/07/2009

A turbulenta crise económica e financeira mundial puxo de relevo a urxencia de atopar nas empresas aqueles factores de competitividade que lles permitan mellorar o seu posicionamento. Neste difícil marco resulta clave investir en activos de coñecemento e, en particular, en capital intelectual, pois este aspecto é determinante para aumentar a capacidade innovadora da empresa e para, polo tanto, incrementar beneficios. Así o considera a investigadora Helena Santos Rodrigues na súa tese de doutoramento, un minucioso estudo sobre a influencia do capital intelectual na capacidade innovadora das empresas.
Santos Rodrigues, profesora na Escola Superior de Tecnologia e Gestão do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, centralizou o seu estudo na industria de compoñentes de automoción da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal. Participaron na investigación un total de 68 empresas, 45 galegas e 23 do país veciño, todas elas inscritas nas asociacións Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia, Ceaga, como representante das empresas de Galicia, e a Associação de Fabricantes de Indústria Automóvel, AFIA, como representante das empresas do Norte de Portugal.

Financiamento do Fondo Social Europeo

Deste proceso investigador, financiado polo Fondo Social Europeo, e da ampla participación empresarial resultaron “importantes conclusións non só a nivel académico, senón tamén a nivel práctico para as empresas”, subliñou a autora. Entre estas conclusións destacou a evidencia de que si a empresa potencia a formación e creación de coñecementos e mantén unha actitude innovadora incentivando a innovación –capital humano- conxuntamente co recurso a redes de colaboración e aos clientes –capital relacional- conseguirán impulsar a súa capacidade innovadora de produto e proceso. “Ademais, noutro sentido, verifícase a importancia das estruturas de creación e desenvolvemento de coñecemento, da confianza e cultura innovadora para impulsar a súa capacidade innovadora de xestión”, indicou a autora do estudo.
Os resultados obtidos puxeron tamén de manifesto a importancia da cooperación interdepartamental, interuniversitaria e, segundo Santos Rodrigues, “especialmente, entre as universidades e a administración para a xeración de coñecemento útil que incida no desenvolvemento competitivo e sostible dos sistemas empresariais e das condicións de vida dos habitantes da Eurorrexión”.

Estruturas paralelas a ambos lados da fronteira

Atendendo ao criterio xeográfico, a autora destaca que non hai diferenzas marcadas entre as estratexias que seguen as empresas portuguesas e as españolas, “porque todas teñen un patrón semellante e un cliente común: PSA-Citroën, ademais moitas delas duplican a súa presenza en ambos territorios”.
Os profesores da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa Dorrego e Carlos Mª Fernández Jardón, dirixiron o estudo, que se defendeu baixo a modalidade de tese europea e foi cualificado de sobrasaínte cum laude por un tribunal de carácter internacional.