DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Delegación de Alumnos da facultade organiza o 'I Ciclo Cine e Historia'

O Capitán Alatriste desenvaiña os seus segredos sobre o século XVII

Nas vindeiras semana proxectaranse, entre outras, 'Cidade de Deus', 'Frida' ou 'Flores Tristes'

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 23/03/2011
A maior fonte de historias non deixa de ser a realidade, xa sexa fixándonos no pasado ou no que acontece día a día. E como o cine é un gran contador de historias obrigatoriamente toma dela boa parte dos argumentos das súas películas. Así queda patente no I Ciclo Cine e Historia, que organiza a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia co gallo de achegar un pouco do pasado ao público xeral.

“O ciclo está composto pola proxección de 7 producións, elixida cada unha delas por un profesor titular de cada unha das áreas de Historia, e tras cada proxección celébrase un debate moderado polo correspondente docente” explica Cristina Fernández, coordinadora da iniciativa. O ciclo comezou o pasado día 15 coa proxección de Ben Hur e ata o vindeiro 14 de abril traerá ao salón de actos do Edificio Politécnico cintas como Os cabaleiros da mesa cadrada, Tabú, Alatriste, Cidade de Deus, Frida e Flores Tristes. Mañá xoves será Alatriste o que imparta a súa particular lección maxistral de historia do século XVII.

A través do visionado de cada unha destas pezas, os asistentes farán un percorrido por momentos e/ou personaxes históricos da prehistoria, a historia antiga, medieval, contemporánea, moderna, a historia de América e a historia da arte. “Decidimos facer este ciclo porque pensamos que a través do cine se pode explicar historia a todas as persoas, achegando contidos deste tipo non só aos que estudamos esta titulación”, salienta Fernández.

Deformación profesional

Por “deformación profesional” os historiadores tenden a analizar o cine histórico ou documental cunha ollada máis esixente que o público habitual. Por este motivo, as películas foron elixidas non tanto polo seu éxito comercial senón porque ofrecen unha ollada ao pasado co rigor esixible. No debate posterior a cada proxección, os participantes, arredor de 75 alumnos e alumnas das diferentes facultades do campus, poden coñecer da man dos historiadores a súa visión sobre o relato dos feitos en cada película. Milagros Cavada, Mercedes Durany, Ladislao Castro, César Isaac González, Carlos Sixirei, Ángel López e Julio Prada serán os docentes encargados ao longo das sesións de debullar erros e acertos das producións e de afondar nos feitos históricos que narran.

A película Alatriste, dirixida por Agustín Díaz Yanes, protagonizada por Viggo Mortensen e baseada no personaxe creado polo escritor Arturo Pérez Reverte, será a encargada de pechar as proxeccións desta semana. Unhas proxeccións, de balde e abertas ao público interesado, que rematarán o día 14 de abril coa obra Flores Tristes e un debate moderado por Julio Prada. Na iniciativa colaboran a Facultade de Historia e o Festival de Cine Internacional de Ourense.