DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo autonómico logra o subcampionato por terceira vez consecutiva

O capitán do Universidade de Vigo participa coa Selección Galega de Xadrez na consecución do Subcampionato de España

Mentres, o equipo da Universidade prepárase para o enfrontamento co Marcote A

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 06/05/2008

O mestre internacional e campión galego absoluto Pablo García proclamouse subcampión de España coa Selección Galega Absoluta no III Campionato de España de Autonomías celebrado en Melilla do 29 de abril ó 4 de maio.
A primeira posición nesta cita foi para Cataluña que finalizou a competición sen ceder en ningún dos enfrontamentos. Aínda que a selección catalana partía como favorita, nesta ocasión, un empate no enfrontamento abondaba ao equipo galego para arrebatarlle o campionato pero non puido ser. Tiveron a vitoria nas mans pero “faltou sorte, perdemos unha partida polo control de tempo e outra por un erro a última hora”, apuntaba Pablo García. Ao final a selección galega sumou un total de cinco vitorias e unha soa derrota que lle serviron para proclamarse, por terceira vez consecutiva, subcampiona de España.
Este segundo posto engade un novo éxito para Pablo García que está a ter un ano inesquecible tanto co equipo da Universidade de Vigo coma a nivel individual e anímao agora a centrarase nos seus novos retos, entre os que destaca “a Final a catro con equipo universitario e a liga galega, así como a planificación dos torneos internacionais de verán no plano individual”.

O equipo da Universidade prepárase para o enfrontamento co Marcote A

O equipo de xadrez da Universidade de Vigo xógase este sábado en Monforte o todo polo todo no último enfrontamento da Final a catro onde se miden os dous equipos que se impuxeron nas semifinais que enfrontaron aos catro primeiros clasificados da División de Honra.
O rival do Universidade, o Marcote A, contará previsiblemente nas súas filas con catro
Grandes Mestres estranxeiros, xunto con Iván Salgado, recentemente primeiro Gran Mestre de Galicia e Jacobo Caselas que tamén é Mestre Internacional.
Ademais confírmase que un ano máis, a Federación Galega e o Consello Superior de Deportes farán coincidir esta final co Campionato de España Universitario, polo que varios dos xogadores do Universidade de Vigo perderanse esta final, entre eles o Mestre FIDE Manuel Pena que foi o mellor primeiro taboleiro da liga.
A Final a catro que reunirá aos mellores xogadores galegos, disputarase o sábado a partir das 17:00 horas no Parador de Monforte de Lemos e poderá seguirse en directo na páxina web da Federación Galega.