DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terceira sesión de ‘Augal 2010-2011’ co director Jorge Coira e a produtora Fernanda Del Nido

A cara e a cruz da produción audiovisual en Galicia

Afondaron nos problemas de financiamento e distribución do filme de ficción '18 comidas'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 15/03/2011

Unha historia de tres anos con final feliz. Pero, que é o que ocorre realmente detrás dos bastidores de produción? “Pois moito sufrimento”, así o revelou Fernanda del Nido, produtora do filme de ficción 18 comidas, que acompañada do seu director, Jorge Coira, foron convidados ao ciclo de conferencias Master Class Augal 2010-2011, proxecto abandeirado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e promovido polos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández. Esta actividade supuxo a primeira proxección da película na cidade de Pontevedra, “o que dá unha idea da situación de distribución e de financiamento das pezas de autor”, recalcou Fernández.

O filme 18 comidas non se produciu á marxe de complicacións, pois como aclarou Del Nido, “a pesar de ter un proxecto moi desenvolto e claro, a búsqueda de inversores e de difusores resultou moi dura”. Unha das cuestións que dificultou esa procura foi a creación por parte de Jorge Coira dun guión “moi afastado do que se define como tradicional, o cal non facilitaba para nada as cousas”. Tratábase dunha historia que non estaba pechada “na que mesmo cada actor tiña diferentes informacións, no que non coñecían que un personaxe morría, por exemplo”. Como consecuencia, inversores tanto públicos como privados non acababan de visualizar e entender “este proxecto experimental”, e pedían, antes de calquera transacción, ver algún material gravado, obrigándoos a rodar sen un financiamento sólido, “soamente cunha pequena axuda da Xunta de Galicia e co aval da nosa produtora Tic Tac”, aclarou Coira.

Dificultade de atopar distribuidoras independentes

Agora ben, a rodaxe púxose en marcha porque o proxecto tiña moitos valores a favor, “o propio Jorge Coira, director de percorrido, un casting tentador, con Luis Tosar á cabeza e un baixo orzamento”, ademais de que quedaban “aínda moitas por tocar”, recalcou Del Nido. Despois de ter gravado, “viñeron os días máis duros” pois posibles vías de financiamento, “como as axudas do ICAA, o apoio de TVE e certas distribuidoras non confiaron na potencialidade da película”, polo que non estaba garantida a súa difusión, engadindo a dificultade de atopar distribuidoras de cine independente en España. No “medio de tanta desesperación” apareceu unha que aceptou negociar, pero “por estar en desigualdade de condicións os resultados económicos non foron de todo favorables para a nosa produtora”, concluíu a convidada.

Recoñecementos a nivel internacional

Deixando a un lado os problemas de financiamento e distribución, o certo é que 18 comidas está a lograr o recoñecemento da crítica a nivel internacional. A piques de ser estreada no festival de Berlín, “ao que non chegamos por cuestións de tempo”, si que o fixo no de Taormina de Sicilia, onde o propio Coira gañou o premio á mellor dirección. Para a súa estrea nacional escolleuse o Festival de Cine Internacional de Ourense onde se anunciou a súa data de distribución comercial, “que curiosamente foi o mesmo día da de Harry Potter, o que resultou un grande acerto porque buscabamos outros públicos”, apuntou o director.

Aproveitando a presenza de Fernanda Del Nido, a profesora Anna Amorós quixo reivindicar o papel da muller no audiovisual, no que “cada vez máis está máis presente e, sobre todo, no eido da produción”, recalcou. A seguinte cita con Augal 2010-2011 está prevista para o 22 de marzo coa proxección do filme de animación De profundis que contará coa presenza do seu autor, Miguel Anxo Prado, e máis do seu compositor, Nani García.