DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o presidente da Federación de Persoas Xordas de Galicia asinan un convenio

Cara a plena integración das persoas xordas na Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/07/2012

Incrementar o número de persoas xordas que acceden á universidade e atender de xeito integral as súas necesidades unha vez que acceden ás institucións académicas, son dúas das aspiracións que os responsables da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, FAXPG, expresaron hoxe no transcurso da sinatura dun convenio de colaboración coa Universidade de Vigo. “A porcentaxe se persoas xordas nas aulas universitarias é escasísimo ”, explicou Feliciano Sola, presidente de FAXPG, unha tendencia que desde a Federación pretenden romper coa colaboración de institucións como a Universidade de Vigo que, segundo afirmou o reitor, Salustiano Mato, “está decidida a seguir movéndose cara a un plan estratéxico que nos permita estar máis cerca deste colectivo para facer posible a súa plena integración”.

O convenio de colaboración asinado hoxe entre ambas entidades vén a dar ”abrigo e calor”, segundo o reitor e formalizar as accións conxuntas nas que desde hai tempo participan a Federación e a Universidade de Vigo á que Feliciano Sola agradeceu o seu compromiso coas persoas xordas. Accións que o vicerreitor de Extensión, Xosé Henrique Costas exemplificou nas clases virtuais del lingua signada que promove a institución, así como a atención especializada dispensada a alumnos concretos, como caso dunha estudante xordo cega matriculada no campus de Ourense.

Entre as accións concretas que a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia solicita que reforcen están por unha banda uns cursos de linguaxe de signos de maior duración que os actuais e “destinados a calquera persoa” e a posibilidade que as prácticas pre-profesionais do alumnado universitario tamén se poidan realizar na entidade.

Achegar a realidade das persoas xordas á sociedade

Tan importante como facilitar a incorporación e a integración das persoas xordas na universidade, evitando a súa marcha a outras comunidades autónomas como Andalucía, onde dispoñen de máis recursos que facilitan a eliminación das barreiras de comunicación que sufre o alumnado xordo, é para o presidente da FAXPG a necesidade de eliminar falsas ideas en torno a este colectivo.

“Cómpre eliminar o mito de que por que as persoas xordas carezan de competencia oral, tampouco dispoñen do suficiente desenvolvemento cognitivo”, explicou Feliciano Sola que apuntou á formación e á información como claves para combater estas ideas erróneas. Sola incidiu no importante labor que a Universidade realiza neste sentido pola influencia que exerce na sociedade.