DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de Virginia Alonso-Villaverde Iglesias

As características anatómicas e histolóxicas dos diferentes clons de vide inflúen na súa resistencia ao mildeu

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 11/12/2008

O mildeu é unha enfermidade común en moitas plantas de horta e xardín que causa estragos nun dos produtos máis valorados de Galicia: o viño albariño. Recollendo o traballo das doutoras María del Carmen Martínez e Susana Boso, Virginia Alonso-Villaverde investigou a resistencia a enfermidades criptogámicas e outros aspectos nas once variedades de clons existentes e concluíu que as características anatómicas e histolóxicas dos diferentes clons están vinculados coa súa vulnerabilidade ao fungo.
Cales son os clons naturalmente mellor preparados para facer fronte ao fungo é a pregunta á que tenta dar resposta a investigación da doutora Alonso-Villaverde. A tal fin estudou once clons da variedade Albariño (vitis vinifera l) para comprobar se existían diferencias claras e obxectivas a nivel anatómico e histolóxico naqueles órganos da planta que a priori puidesen estar relacionados co desenvolvemento do mildeu. Como consecuencia, na exposición da investigación tamén se intentaba relacionar estas diferencias cos distintos graos de susceptibilidade ao patóxeno.
A lonxitude dos entrenós, tamaño e forma de acios e raspóns ou tamaño e forma das baias foron algunhas características analizadas ao tempo que, debido a que os síntomas máis frecuentes aparecen nas follas, o traballo completouse cun estudo histolóxico das mesmas empregando mostras en parafina e resina das que obtiveron cortes dun micron de grosor. A relación entre a lonxitude dos entrenós dos pámpano e a susceptibilidade ao mildeu comprobouse nun dos clons que, sendo un dos máis vulnerables foi tamén o que presentou os nós máis curtos debido “a que os acios están menos aireados”, segundo explicou a autora da investigación. A nivel de tecido, a doutora conclúe que “os clons con menor grosor son máis resistentes porque dificulta no desenvolvemento do fungo”. Tamén se prestou atención ao número de estomas xa que se consideran “unha das vías de entrada do mildeu”.
A aplicación máis práctica desta investigación está, obviamente, derivada ao emprego dos clons que son máis resistencias ao fungo. Isto trae consigo “o emprego de menos produtos fitosanitarios e polo tanto menos agresións ao medio ambiente”, segundo apunta a doutora. Máis aló dos fungos, as vides tamén se ven afectadas pola normativa que se vai aprobando sobre o cultivo da vide, tanto a nivel nacional como na Unión Europea, que vai impoñendo limitacións a determinados usos en viticultora. Neste sentido, o uso de transxénicos en vide está prohibido e a selección das variedades que naturalmente son máis resistentes ao fungo xerará menos perdas económicas para un tipo de vide que abunda en Galicia e, polo tanto, é vital na economía de moitas zonas.

Un estudo con tradición

Virginia Alonso-Villaverde tomou como base da súa investigación os traballos previos das doutoras María del Carmen Martínez e Susana Boso. A primeira iniciou hai máis de vinte anos a selección e estudo, no Centro Superior de Investigacións Científicas, dos once clons da variedade Albariño. No ano 2005, Boso, dirixida pola doutora Martínez, puido comprobar (no campo e no laboratorio) que entre os citados once clons de Albariño había algúns que presentaban unha maior sensibilidade a mildeu e outros que, por contra, eran menos susceptibles. Agora, Alonso-Villaverde vén dar un paso máis nesta fronte e achega a relación entre esa vulnerabilidade ao fungo e as características dos clons.

Continuación na Misión Biolóxica de Galicia

Alonso-Villaverde desenvolveu a súa investigación na Misión Biolóxica de Galicia, pertencente ao CSIC, e a partir do ano que vén realizará unha estadía de dous anos en Suíza para “traballar sobre os mecanismos de defensa destas plantas e aprender novas técnicas de investigación”. A doutora María del Carmen Martínez creou en 2000 o grupo de viticultura no que actualmente desenvolve o seu traballo Alonso-Villaverde. Cada unha das cinco persoas que integran este grupo está especializado nun tema diferente que á súa vez ten puntos en común cos demais. Todos os temas de investigación teñen unha parte de investigación aplicada e outra básica para poder cubrir os obxectivos de publicar en diferentes revistas científicas e facer novas achegas á ciencia, á vez que transferir resultados e materiais de interese para o sector industrial e para a sociedade en xeral. A protección do patrimonio vitivinícola, a localización e preservación das variedades e clons en perigo de extinción, ademais do interese por coñecer as características das diferentes variedades e os seus mecanismos fisiolóxicos de funcionamento son as liñas que guían o traballo do grupo de viticultura. Deste xeito, a Misión Biolóxica de Galicia cubre o baleiro que existe en España, e tamén e nivel internacional, en moitos aspectos da investigación vitícola.