DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O voceiro parlamentario do BNG reuniuse co reitor Salustiano Mato

Carlos Aymerich demanda á Xunta políticas contracíclicas baseadas na formación e na investigación para saír da crise

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/12/2010
Formación e I+D+i son para o voceiro do BNG no Parlamento de Galicia, Carlos Aymerich, as bases sobre as que se deben asentar as “políticas contracíclicas que a Xunta debe aplicar para saír da crise”. Tras un encontro co reitor da Universidade de Vigo no que Salustiano Mato lle trasladou o modelo baseado na excelencia que a institución está a desenvolver, Aymerich incidiu na necesidade de que a administración autonómica aposte claramente polo ensino superior e a I+D+i . “Se non é así”, asegurou o voceiro do BNG no Parlamento de Galicia, “quizais é que o modelo a desenvolver en Galicia é o de competir por salarios baixos e pola redución dos custos laborais e non pola excelencia do Sistema Universitario e pola formación. Esta é vía e lamentamos que non apareza así recollido no proxecto de orzamentos da Xunta para 2011”. Aymerich demandou á Xunta que marque as súas prioridades e as exprese nos orzamentos e que non faga “seguidismo” do Goberno á hora de aplicar e xustificar os recortes.

Precisamente a necesidade de apostar pola investigación e a educación superior foi unha das mensaxes que Salustiano Mato lle trasladou ao voceiro do BNG, así como o traballo que a Universidade de Vigo está a desenvolver cara unha “internacionalización efectiva e de xeito cooperativo coas outras universidades”. No seu encontro con Aymerich, Mato volveu situar ao Campus do Mar como o modelo de excelencia a seguir na institución académica viguesa.

Preocupación pola falta de compromiso da Xunta

A, segundo Aymerich, “falta de compromiso da Xunta” co financiamento das universidades e coas políticas de I+D+i,” é un motivo de preocupación para o BNG” que denuncia que cando está piques de rematar o período de vixencia do Plan Incite aínda non se presentase un novo Plan de I+D+i. Aymerich que lamentou que este novo plan vaia ter un financiamento menor que o que goberno bipartito asignara ao Incite, amosou a súa contrariedade por que as axudas do programa de recursos humanos aínda non fosen convocadas.