DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É o autor dunha publicación pioneira en España sobre o país latinoamericano

Carlos Sixirei, profesor de Historia: “En Colombia, onde estea unha boa pistola, non se precisan razóns nin palabras”

Co fin dos grandes cárteles, Bogotá deixou de ser a cidade máis perigosa do mundo

Etiquetas
  • Vigo
Jessica Fdez. DUVI 10/01/2013
Durante moitos anos Colombia foi sinónimo de violencia. Os enfrontamentos entre os cárteles, a súa relación conflitiva co Estado ou a actividade guerrilleira no medio rural fixeron que a delincuencia e o medo fosen os protagonistas da realidade social, transmitindo unha mensaxe de violencia ao resto do mundo. Como indica Carlos Sixirei, docente na Facultade de Historia e autor do libro La violencia en Colombia (1990-2002). Antecedentes y desarrollo histórico, esta situación hérdase dun pasado conflitivo a nivel político no que os ideais foron substituídos polo peso da tradición, o medo ou a necesidade de sobrevivir, desembocando nun retroceso social e económico “no que os conflitos non se solucionaban pola vía do diálogo, senón pola das pistolas”, apunta.

Malia que o campo de investigación de Sixirei non se corresponde coa temática do libro, este traballo “foi consecuencia dunha experiencia persoal e, a partir de aquí, calquera lector se pode imaxinar por onde foron os tiros, literalmente”. A obra, que relata a realidade de Colombia dende a propia experiencia, converteuse nun estudo pioneiro en España por tratar o problema da violencia colombiana dende unha perspectiva histórica, xa que alí,“coñecendo como coñezo a realidade dese país, dedicarse a furgar moito en nomes e cousas que están vixentes é arriscar o pelexo, e non falo por falar” puntualiza.

O peso da historia

Para comprender a situación actual de Colombia é necesario afondar na súa historia. Durante décadas, liberais e conservadores exerceron o poder político con violencia, sendo incapaces de unirse para levar o país polo camiño da modernización. Institucións coma a Igrexa, “cun odio visceral cara o liberalismo e con gran poder sobre o Estado”, tamén frearon o progreso social. Deste xeito e tal e como relata o autor, a loita armada polo poder facía que os levantamentos, revolucións ou golpes de estado se convertesen no día a día dos habitantes dun país que pasou a disfrazar de disputas políticas os conflitos persoais. Tras século e medio nesta situación “a violencia acaba por interiorizarse e normalizarse como instrumento de relación social e política e, aínda que hai persoas que hoxe en día a rexeitan, hai outros tantos que acreditan que onde estea unha boa pistola, non se precisan moitas razóns e menos palabras”, indica.

Unha mellora relativa

Malia que se considera que o país mellorou e camiña por un sendeiro máis pacífico e progresista, para o autor da obra esta mellora é relativa. Advírtese un evidente crecemento económico e Colombia atrae a grandes inversores pero, tras esta fachada, existe unha gran fenda social entre o campesiñado, o indíxenas ou o proletariado urbano e as oligarquías. Como puntualiza Sixirei, “son estas últimas as que teñen a tixola polo mango, controlando unha porcentaxe moi elevada da riqueza do país manexando no seu beneficio o aparello do Estado malia a nova, e teoricamente progresista, Constitución de 1991”.

Neste contexto de relativo progreso, a taxa da mortalidade violenta e a delincuencia diminuíron pero “van demorar en desaparecer ou, polo menos, acadar niveis tolerables xa que acostumar á xente a falar e non a matarse mutuamente non se consigue da noite para a mañá”. Bogotá deixou de ser a cidade máis perigosa do mundo pero, a pesar deste dato, “a delincuencia común está un pouco disfrazada e continúa moi presente, o narcotráfico experimentou un proceso de transformación dende fins dos noventa como consecuencia do final dos grandes cárteles e, aínda que segue activo, a súa presenza é máis discreta” indica. Para Sixirei, e a pesar do seu papel na historia do país, a Igrexa pode xogar un papel fundamental cando se fala de proceso de pacificación, xa que é unha institución cun gran prestixio e, na actualidade, non parece moi contaminada.

Prexuízos na prensa española

A imaxe de colombianos e colombianas fóra do seu país está asociada, principalmente, ao narcotráfico. Tal e como recolle Sixirei na segunda parte do seu libro, “os medios de comunicación compracíanse en sinalar o país de orixe de moitos delincuentes, facendo que a xente asociara ao colombiano co terrorismo ou tráfico de drogas”. Sen embargo a realidade é moi diferente, xa que o número de delincuentes colombianos en España representaba, no momento do estudo, unha porcentaxe ínfima do total de inmigrantes deste país, xa que a gran maioría veñen na procura dunha oportunidade fuxindo da pobreza e da violencia, conclúe o autor.