DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este domingo 21 de marzo no campus de Vigo

A carreira 10 Km Cidade Universitaria baterá récords de participación con 650 atletas

A falta de cinco días, xa case se superan as 600 prazas inicialmente previstas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 16/03/2010

Este mediodía o Servizo de Deportes da Universidade tiña previsto pechar a inscrición para a carreira 10 km Cidade Universitaria cun tope de 600 atletas pero as previsións superaron, e con creces, o que agardaba a organización. Así, este domingo daranse cita no campus de Vigo arredor de 650 corredores na cuarta edición desta proba, que se converte na máis multitudinaria das celebradas ata agora.
Na presentación celebrada esta mañá, os organizadores amosáronse plenamente satisfeitos pola resposta cidadá e agradeceron “a colaboración de todas as persoas implicadas neste proxecto, así como á Federación Galega de Atletismo e aos patrocinadores”, en palabras de Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes. Ademais de desbordar as previsións de inscrición tamén se superaron as de voluntarios para colaborar coa organización, con 45 mozos que axudarán nas diferente tarefas. Todo isto fai que, en opinión de Eleuterio García, delegado da Federación Galega de Atletismo en Vigo, “esta sexa xa unha carreira consolidade que agardamos poida seguir crecendo nos próximos anos grazas á implicación da Universidade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, explicou que esta será a primeira proba puntuable do calendario de Carreiras Populares Cidade de Vigo 2010, tras a que virán outras seis que axudarán “a fomentar a práctica deportiva e o deporte popular”. Ademais Alonso salientou a importancia desta cita anual para achegar o campus á cidade, “unha oportunidade de salvar a distancia física” entre ambos lugares “que fai que moitos cidadáns non coñezan un espazo como este, cunhas condicións e unha beleza excelentes”. O concelleiro animou a todos os vigueses a participar e a coñecer e vivir o campus como algo propio e tamén a correr a adoptar prácticas físicas saudables apostando polo deporte como estilo de vida. Neste sentido incidiu tamén Martín Sobrado, responsable de Xestión e Coordinación de Anfaco, patrocinador principal da carreira, que destacou a oportunidade que esta supón para achegarse a un público mozo, interesado polo deporte e “poder explicarlles que as conservas son tamén produtos saudables e fomentar o consumo destes produtos do mar”.

Unha aposta polo voluntariado

Se a inscrición de atletas superou as expectativas tamén o fixo a de voluntarios. Segundo explica Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, serán arredor de 45 os que prestarán apoio ao desenvolvemento da proba e atribúe este interese ao curso de voluntariado deportivo e ás xornadas de Comunicación e Deporte, desenvolvidas no campus de Pontevedra.
Todos eles, que tras o acto de presentación recibiron as primeiras indicacións por parte do Servizo de Deportes, axudarán á organización da carreira na que haberá seis categorías (júnior, promesa, sénior, veteranos A e B e universitarios) con saída ás 11.30 horas e a entrega dos trofeos ás 13.00 horas no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria. Os 10 quilómetros desenvolveranse en tres voltas a un circuíto que transcorre polos vieiros inferiores do campus e o acceso á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil. Entre os favoritos, segundo explica Javier Rial, Marta Fernández, gañadora da pasada edición na categoría feminina e, entre os homes, destaca ao atleta marroquí Akka Essaadaqui e “de confirmar a súa participación, o actual campión galego de campo a través Rubén Castro”.
Para entreter e amenizar o grupo de Teatro de CadaQuen realizará “os comentarios sobre a carreira en clave de humor”.

Unha lembranza para Julián Bernal

Tratándose da presentación dunha proba de atletismo, os presentes non quixeron esquecerse de Julián Bernal, o plusmarquista e “avó dos atletas galegos” falecido hoxe en Ferrol aos 91 anos de idade, dez días despois participar no Campionato de España de Cross da Torre, celebrado na Coruña. A el lle dedicaron os asistentes un agarimoso aplauso.

Vídeo promocial dos 10 km Cidade Universitaria