DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proba celebrarase o 22 de marzo

A carreira 10 km Cidade Universitaria comeza a quecer motores

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/01/2009

O 17 de marzo remata o prazo de inscrición para participar na terceira edición da carreira 10 km Cidade Universitaria que se disputará o domingo 22 de marzo a partir das 12.00 horas. Os participantes que poderían, segundo previsións da organización, superar os 400 deberán dar tres voltas a un mesmo circuíto que transcorre entre os viais interiores do campus e o acceso á cidade deportiva do Círculo Mercantil. “O circuíto está mellorado respecto ao ano pasado”, asegura Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, “é dicir, é máis fácil e suave: chega do Mercantil e volve ao campus e danse tres voltas”.
Júnior, promesa, sénior, veteranos A e B e universitarios, son as categorías establecidas en esta proba organizada polo Servizo de Deportes da Universidade de Vigo en colaboración coa Delegación da Federación Galega de Atletismo en Vigo e o Comesaña Sporting Club e que formará parte do Circuíto Universitario de Carreira en Ruta das Universidades de Galicia.
“Este ano”, apunta Javier Rial “queremos que a proba sirva de punto de enganche para que máis xente empece a correr, a facer footing, en definitiva a facer exercicio dun xeito regular”. Ademais a carreira contará nesta terceira edición con maior participación de corredores de outras universidades galegas e tamén do norte de Portugal.

Inscricións on-line

A inscrición para participar na carreira é libre para todas as persoas nacidas en 1991 ou anos anteriores e deberá realizarse exclusivamente no sitio web: www.deportes.uvigo.es.
A cota de inscrición é de 3 euros para os membros da comunidade universitarias e 5 euros para o resto de participantes, establecéndose un límite máximo de 600 participantes.
Os atletas federados están obrigados a facer constar ademais do nome, apelidos e data de nacemento, o nome do club e no número de licenza federativa. No caso dos universitarios, estes haberán de sinalar na inscrición a universidade, o campus e o centro ao que pertencen, indicando se son alumnos, PDI o PAS.