DUVI

Diario da Universidade de Vigo

15 estudantes colaboraron como voluntarios no XIII Concurso de Patrullas Tui-Santiago

A carreira militar da Brilat ponse nas mans do alumnado de Fisioterapia

Realizaron máis de 120 actuacións ao longo desta carreira militar de 120 quilómetros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 28/05/2014

Percorrer a pé os 120 quilómetros que separan Tui de Santiago de Compostela nun máximo de 36 horas e superar ao mesmo tempo sete probas de resistencia ou destreza. Ese foi o reto ao que se veñen de enfrontar os preto de 150 militares que participan no XII Concurso de Patrullas Tui-Santiago, que organiza a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) Galicia VII, con sede en Figueirido. Ante semellante proba de esforzo, resultou moi valiosa para os participantes nesta competición a axuda que lles brindaron 15 alumnos e alumnas de Fisioterapia, que se encargaron de prestarlles unha primeira asistencia nas tres paradas fixadas ao longo desta marcha.

Un total de 24 patrullas, entre as que se atopaba un grupo de Marines dos Estados Unidos, participaron na que foi a edición máis numerosa desta proba deportivo-militar, na que ademais de percorrer desde a mañá do martes o treito final do Camiño Portugués tiveron que superar probas como cruzar o río Lérez a nado ou un descenso en rápel. Non resulta estraño pois que ao longo da competición se sucedesen as molestias musculares, que motivaron máis de 120 atencións por parte do alumnado de Fisioterapia, o que un ano máis prestou a súa colaboración a esta proba no marco do programa de voluntariado do centro. Baixo a supervisión de cinco profesores, este grupo de 15 estudantes de 3º e 4º curso acudiron na tarde do martes e na pasada noite aos tres puntos de parada obrigada para os participantes na marcha, instalados na base militar General Morillo de Figueirido, en Padrón e no Monte do Gozo, en Compostela.

Alí, os estudantes “tiñan que facer unha primeira valoración do que lle pasaba a cada paciente e logo actuar rápido para realizarlle unha primeira intervención”, sinala o profesor José Manuel Pazos, coordinador das unidades de fisioterapia coas que este centro colabora en diferentes probas deportivas. O feito de ter diante a pacientes reais aos que axudar a continuar a marcha nas mellores condicións "axuda ao alumnado a aprender a tomar decisións e poñer en práctica os coñecementos adquiridos dunha forma moi profesional”, salienta Pazos.

Primeira asistencia a diferentes tipos de problemas

Relata o coordinador desta iniciativa que, aínda que “a preparación dos participantes nesta proba era excelente, os alumnos non só tiveron que tratar sobrecargas musculares, senón que viron problemas de moitos tipos”. Isto permitiulles poñer en práctica unha serie de tratamentos que ata o de agora só viran nas aulas, coa conseguinte satisfacción “de ver que o que lles contaches funciona de verdade”.

Nesa mesma idea incide tamén a estudante Alba Vidal, que este martes acudiu á sede da Brilat en Figueirido, onde baixo a supervisión de Pazos un grupo de cinco estudantes realizou un total de 54 actuacións ao longo da tarde. “Tratamos distintos tipos de lesións, o que fai que aprendas bastante, xa que te permite aplicar o que estudaches nunha situación real”. Como explica esta alumna de terceiro curso, a dinámica desta carreira militar, na que os participantes só interrompían a súa marcha durante dúas horas, fai obrigado “avalialos o máis rápido posible para intentar tratalos e que poidan continuar a carreira o mellor posible”.

Atención ao longo do percorrido

Se na primeira parada obrigada das patrullas contaron coa asistencia dun grupo de estudantes, a súa chegada de madrugada á base instalada á beira do río Ulla en Padrón, os militares tamén puideron contar con outro grupo de estudantes de Fisioterapia. Baixo a supervisión dos profesores Iria Dacuña e Antonio Lorenzo Justo prestaron a súa asistencia a uns participantes que acto seguido, emprendían o treito final dunha carreira que resultou neste 2014 máis rápida que en anos anteriores. De feito, a patrulla máis rápida nesta décimo terceira edición, o Grupo de Artillería da Brilat, chegou á Praza do Obradoiro ás 5.50 horas deste mércores, superando as expectativas da propia organización. Uns quilómetros antes, no Monte do Gozo, esperaba a esta e ao resto de patrullas un terceiro grupo de estudantes, que actuou baixo a coordinación de Javier Ayaso e Daniel Fajardo.