DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola ETSE de Minas na festividade da súa patroa

A Carreira Popular de Santa Bárbara logra reunir a máis de 80 participantes na súa primeira edición

Os actos complétanse con torneos e o Ciclo de Cine Mineiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Romina Vázquez DUVI 13/12/2010

As ganas de innovar e de facelo mellor cada ano levou ao alumnado da ETSE de Minas a programar un amplo abano de actividades para festexar á súa patroa, Santa Bárbara. No día de hoxe tocoulle a quenda á carreira popular que se celebra por primeira vez e que “logrou reunir a máis de oitenta participantes”, explica Diego Oliveira, membro da Delegación de Alumnos da escola, que a considera “todo un éxito, pois non esperábamos reunir a tantas persoas”. Entre o estudantado, esta iniciativa foi moi ben acollida, posto que “hai que promover o deporte entre os universitarios e nada mellor como eventos coma éste dos que o campus está tan falto”, segundo palabras de Diego López, estudante da EE de Telecomunicación.

A pista de atletismo do campus foi o escenario escollido para a celebración da carreira, que cun percorrido de 5,600 kilómetros, estivo dividida en dúas categorías, feminina e masculina, con independencia da idade.

Para concluír a xornada e recobrar enerxías tras o esforzo realizado, a contorna do Edificio Fundición acolleu un xantar popular, no que houbo polbeira e música e ao que estivo convidada toda a comunidade universitaria.

Unha intensa semana cultural

Ademais das actividades deportivas, que se completan cos clásicos partidos de compañeirismo entre profesorado e alumnado, a Semana Cultural de Santa Bárbara inclúe torneos de recreo e ocio e actos culturais. Entre eles destacan as xornadas de Cine Mineiro, organizadas pola Sociedade Mineralóxica e dirixidas a facer un percorrido polos filmes máis destacados sobre o tema.

Inaugurado o pasado venres coa película En un lugar del mundo, o ciclo divídese en cinco bloques que abarcan temáticas tan diversas como o contexto social, sindical, relixioso e mediático, incluindo títulos como En tierra de hombres, Pídele cuentas al rey, Que verde era mi vella ou Naturaleza muerta, entre outros. As proxeccións distribúense ao longo desta semana na escola.