DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David Gil entregará as prendas nos hospitais das sete principais cidades galegas

Unha carreira polas principais cidades de Galicia para fomentar a doazón de medula ósea

"700 camisetas contra a leucemia"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 10/06/2009

Non teñen nome nin data, pero a partir do vindeiro venres, setecentas camisolas quedarán nos hospitais das sete principais cidades galegas esperando ás primeiras persoas que se convertan en doadores de medula ósea. Chegarán da man de David Gil, un licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte que con esta iniciativa persoal quere fomentar este acto solidario a través do deporte.
Na preparación deste pequeno gran proxecto botou man de todos os seus contactos que, como pequenos grans de area, impulsan, dunha maneira ou doutra, o seu obxectivo. Entre eles, o Servizo de Deportes da Universidade, onde Gil traballou e que a través da súa páxina web axuda na difusión entre a comunidade universitaria de 700 camisetas contra la leucemia. Achegar información sobre a necesidade da doazón e do funcionamento do proceso é o obxectivo principal de Gil que é consciente do axeitado “do colectivo universitario e da xente vinculada ao deporte, como persoas sás” entre as que difundir este proxecto. Mesmo despois de completar os 500 quilómetros que o farán pasar polas cidades galegas, Gil concibe a posibilidade de “fomentar algunha charla no marco universitario ou calquera outra iniciativa para informar”, explica.
Os primeiros pasos físicos desta iniciativa daraos o venres, cando parta desde Vigo ata Pontevedra. Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense serán outras das paradas que realice antes de volver á cidade olívica o vindeiro día 21. En cada etapa, 100 camisolas menos na mochila que agardarán nos hospitais a 100 persoas que se convertirán na esperanza de moitos doentes.

Moito descoñecemento

“Esta é unha desas cousas que non coñeces ata que non che toca de preto”, sinala Gil. E sabe do que fala porque o seu compromiso persoal xurdiu cando ao seu irmán maior, falecido en 2005, lle diagnosticaron unha leucemia. “No transcurso da súa enfermidade e coa súa propia testemuña propuxémonos propagar a necesidade de facerse doantes de medula ósea”, conta. Despois diso, Gil non abandonou e continúa neses mesmos pasos. Que a xente saiba “como e por que deberían facerse doantes de médula ósea” non é un obxectivo pequeno debido ao descoñecemento que existe. Non abonda con ser doante de órganos. Tampouco é o mesmo que a medula espiñal. O proceso comeza cunha mostra de sangue e o consentimento da persoa para que a inscriban no rexistro de doadores non relacionados de medula ósea (DONORMO). Desa mostra analízanse os antíxenos HLA e os resultados incorpóranse nun rexistro internacional. En caso de que a mostra sexa compatible cun enfermo (só o 25% dos enfermos teñen solución na súa propia familia), realízanse análises adicionais e ofrécese de novo información detallada ao potencial doante que entón poderá decidir se a doazón se fai efectiva ou non. Con total liberdade e confidencialidade.

Lexión de apoio

É unha iniciativa persoal, pero xa se converteu nun proxecto colectivo. A través da súa páxina web en Facebook, 700 camisetas contra a leucemia recibe o apoio de moitos usuarios (máis de 1900 no momento de escribir este texto) que deixan mensaxes de apoio e teñen seguido, e seguirán con moita máis intensidade a partir do venres, os avances de Gil. Nesa mesma páxina, Gil colgou o logo desta iniciativa, coa que os interesados poderán facer a súa propia camisola e achegar un donativo.