DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito do campus de Ourense:

"Esta é a carreira que ten maior número de saídas profesionais"

Defende a importancia da investigación e a proxección do centro cara o exterior

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 02/02/2010

Preto de cincocentos estudantes cursan na actualidade a carreira de Dereito no campus de Ourense. Unha elección acertada se temos en conta a afirmación do decano desta facultade, Miguel Ángel Michinel, que asegura que “Dereito é, posiblemente, a carreira que ten hoxe en día maior número de saídas profesionais”. Michinel tomou posesión do cargo hai uns meses tendo enriba da mesa o proceso de adaptación ao Plan Bolonia e obxectivos como a creación dun centro de investigación que fomente liñas de traballo conxuntas e a participación activa do centro na vida xurídica e social da cidade e da provincia. Para Michinel co finalidade de ter unha visión máis ampla do que lle interesa ao estudantado " tamén é importante ter unha oferta atractiva de estudos de posgrao e asinar alianzas con outras universidades portuguesas e latinoamericanas".

Asumiu hai algúns meses ao cargo de decano tendo enriba da mesa o proceso de adaptación ao Plan Bolonia. En que estado se atopa este proceso?
Nós implantamos xa o grao no primeiro curso e estamos a seguir unha serie de pautas de actuación para garantir unha mellora da calidade coa implantación de, por exemplo, o Plan de Acción Tutorial. O grao presenta unha serie de diferenzas con respecto á licenciatura como o establecemento de grupos máis reducidos de estudantes e iso esixe unha certa racionalización dos horarios e dos espazos. Por este motivo tentamos resolver todas as incidencias se nos van plantexando.

Afirma que a Facultade de Dereito ten uns recursos limitados. A que recursos se refire e cómo se poderían mellorar?
Falo de recursos limitados en función da cantidade de profesorado que hai. Neste momento estudan na facultade preto de cincocentos alumnos e os profesores doutores a tempo completo, que son os que levan o peso do centro, son dezasete ademais dos profesores asociados. Na miña opinión penso que sempre é mellor favorecer políticas de profesorado a tempo completo porque canto maior profesorado a tempo completo e doutor exista nun centro mellor será a calidade da docencia.

Póñase na pel dun estudante que esté pensando en estudar Dereito ou que xa está a facer estes estudos. Que lle diría da carreira?
Dereito é, posiblemente, a carreira que ten hoxe en día maior número de saídas profesionais. Alguén que estuda dereito pode ser avogado, fiscal, notario, rexistrador, participar nas oposicións ao corpo de funcionarios do estado, das comunidades autónomas e da Unión Europea ademais das saídas dentro da universidade e ser de interese para todos os que queiran dedicarse á política. Penso ademais que estudar a carreira de Dereito aquí ten o mesmo valor que estudala en calquera outra facultade de España porque a experiencia e a ilusión que se poñen por parte do corpo de profesores fan que esteamos preparados para ofrecer un ensino de calidade nesta cidade.

Que novidades ofrece o grao en Dereito ao alumnado fronte aos anteriores estudos de licenciatura?
Unha das novidades máis importantes é que antes a licenciatura eran cinco anos e agora o grao son catro anos. Tamén se diversificaron máis os grupos e a metodoloxía docente: antes o noventa por cento da metodoloxía era a lección maxistral na cal o profesor falaba ao alumnado, este tomaba os apuntes e esta era a base do exame. Agora preténdese un sistema de avaliación máis continua e con máis práctica, grupos pequenos, seminarios nos que se discuten problemas xurídicos actuais... É unha visión máis dinámica dos estudos de dereito.

A carreira de Dereito impártese tamén no campus de Vigo e na Universidade de Santiago. Que mecanismos se deberían levar adiante para consolidar a Facultade de Dereito de Ourense?
Un dos mecanismos é a especialización. De feito intentamos que o grao de Vigo e o de Ourense sexan un pouco diferentes a través das optativas que se ofrecen aos alumnos. Aquí ten unha perspectiva de dereito xudicial e comunitario e en Vigo unha perspectiva económica. Tamén é importante ter unha oferta atractiva de estudos de posgrao e asinar alianzas con outras universidades portuguesas e latinoamericanas para ter unha visión máis ampla do que pode interesar aos nosos alumnos.

Existe a crenza xeneralizada de que as carreiras de letras, como é o caso de Dereito, non teñen nada que investigar. Esta idea, correspóndese coa realidade?
Non. O dereito impregna toda a vida social. Todos os proxectos de lei que se tramitan nas Cortes Xerais, todas as iniciativas parlamentarias que se debaten no Parlamento galego son ámbitos de investigación en materia xurídica. E xa non digamos a interpretación que se faga despois desas leis a través da xurisprudencia.

Falemos agora do grao de produción científica que hai na facultade. Que investigacións se están a levar adiante?
Aquí temos unha representación bastante equilibrada de doutores que traballan en todos os ámbitos xurídicos: penal, procesal, internacional, civil, mercantil... polo que dende a Facultade de Dereito de Ourense se pode levar adiante unha investigación sólida en calquera ámbito do mundo xurídico. O que se quere é tratar de buscar liñas de investigación nas que poidamos converxer a maioría para poder levar adiante unha investigación multidisciplinar que acade mellores e máis interesantes resultados que os que pode levar adiante unha persoa soa.

Nesta liña un dos proxectos pendentes é a creación dun centro de investigación. Que pode adiantar deste centro?
O que pretendemos é dar a coñecer a toda a comunidade universitaria que non só se investiga en materias de ciencia, física, bioloxía ou química se non que en dereito tamén se fai investigación. Creo que sería interesante que nesta facultade se impulsara un centro que permitira que os profesores que investigamos deramos a coñecer á sociedade cáles son as nosas liñas de traballo, as tendencias que existen neste momento e servira tamén para aglutinar a vida investigadora da facultade. É un proxecto a medio prazo no que se trataría de impulsar a biblioteca da facultade cunha maior dotación de libros, bases de datos e medios para poder levar a cabo a nosa investigación. E concienciar ao profesorado de que pode haber liñas de investigación comúns nas que traballar.

Debería haber unha maior proxección do centro cara a vida social e xurídica da cidade?
Si. Participar activamente na vida xurídica e social da cidade e da provincia é un labor da facultade. Neste senso tratamos de impulsar cara o exterior todas as actividades que se realizan no centro e participamos en todos os actos que se nos invita por parte das asociacións relacionadas co mundo xurídico.