DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será o día 25 de maio e está aberta á participación de toda a cidadanía

A Carreira Urbana de Orientación Solidaria cambiará dorsais por produtos non perecedoiros

O material recollido será entregado ao Banco de Alimentos e a Cruz Vermella

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 03/05/2013

Cada Nadal o campus de Ourense colabora co Banco de Alimentos e con Cruz Vermella recollendo entre a comunidade universitaria comida e xoguetes para as persoas e familias máis desfavorecidas da provincia. Co obxectivo de estender esta axuda alén de datas tan sinaladas, o Servizo de Deportes do campus celebrará o día 25 de maio a I Carreira Urbana de Orientación Solidaria no casco vello da cidade das Burgas. Nela, o custe dun dorsal para participar será unha doazón de produtos non perecedoiros ou de hixiene que serán entregados ás citadas organizacións benéficas.

A iniciativa foi presentada este venres polos responsables das diferentes entidades colaboradoras, estando María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Rodrigo Alberte Pivida, do Servizo de Deportes do campus; Xan Trigo, da Asociación Galega de Clubs de Orientación; Bienvenido Conde, do Banco de Alimentos de Ourense, e Carmen González, de Cruz Vermella Ourense. “Esta carreira é unha acción dirixida a toda sociedade e ten unha finalidade solidaria: a recollida de alimentos non perecedoiros e de produtos de nutrición e hixiene infantil. As doazóns recollidas serán entregados a Cruz Vermella e ao Banco de Alimentos e Ourense para o seu reparto”, destacou María Lameiras durante a rolda de prensa de presentación. “Será unha actividade preciosa e moi orixinal, unha oportunidade para coñecer a nosa cidade doutra maneira ao mesmo tempo que somos solidarios”, salientou Carmen González. Polo seu atractivo e pola súa finalidade, Bienvenido Conde animou a toda a cidadanía de Ourense a participar, “especialmente aos escolares, para que saiban desde novos a que significa a solidariedade”.

Tres opcións, unha delas para nenos e nenas

Segundo explicaron Xan Trigo e Rodrigo Alberte Pivida, a xornada contará con tres probas de orientación, probas nas que, cun mapa como guía, os participantes teñen que percorrer un determinado traxecto no menor tempo posible e pasando por diferentes puntos de control. Haberá unha proba de orientación chamada “Correliña” na que se poden inscribir rapaces e rapazas de 3 a 10 anos acompañados dun adulto. Xa para todos os públicos haberá dúas opcións, a primeira será un proba de orientación de iniciación curta e a segunda unha ruta literaria de orientación. Nesta última, os participantes realizarán nun percorrido polo roteiro da obra A Esmorga, de Blanco Amor, aproveitando como balizas as placas azuis que recollen diferentes pasaxes desta obra e que están distribuídas fundamentalmente polo casco histórico da capital auriense.

O obxectivo, explican os organizadores, non será a competición, senón pasar unhas horas de diversión mentres se realiza un acto de solidariedade e se aprende. A iniciativa non require coñecementos previos de como se realizan este tipo de carreiras de orientación, xa que se explicará o seu funcionamento antes de comezar e os percorridos están deseñados para todo tipo de públicos. O prazo da inscrición está aberto ata o martes 21 de maio e realizarase a través do teléfono 988 38 71 92 ou do enderezo depor-ou@uvigo.es. A actividade comezará o día 25 de maio na Praza Maior da cidade, onde de 09.00 a 10.30 horas se trocarán alimentos por dorsais para participar, e rematará aproximadamente á 13.00 h. Haberá un agasallo para todos os participantes e medallas solidarias para os primeiros clasificados nas probas.