DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un carro da compra abundante e variado para o comedor dos Padres Franciscanos

Logro da sexta edición do maratón solidario de aerobic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 17/12/2009
Un quilo de comida a cambio de tres horas de exercicio, esa foi a proposta do Maratón solidario de aeróbic e pilates, organizado polo Servizo de Deportes e a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e que tivo lugar no pavillón universitario. O mal tempo non impediu que un grupo de universitarios e universitarias se animase a facer deporte de 21.00 a 24.00 horas para despedirse do campus antes das vacacións de Nadal. Coa súa achega a organización conseguiu reunir un carro da compra abundante e variado de produtos non perecedoiros, que se doarán ao comedor social dos Padres Franciscanos, unha institución arraigada na cidade, que serve diariamente máis de cen comidas. Alimentos básicos como pasta, legumes e arroz, pero tamén galletas, chocolates e polvoróns, constitúen un pequeno gran de area para paliar os efectos dun problema complexo e do que todos somos responsables como é a pobreza.
Ao longo da maraton os participantes recibiron bebidas isotónicas e barritas enerxéticas para manter os folgos e tamén unha camiseta de agasallo, todo elo xentileza das entidades patrocinadoras do evento: Gadis, Diario de Pontevedra e Punto Deporte.

Step, aeróbic e pilates para combater o frío

Para quentar motores a noite comezou cunha intensa sesión de 45 minutos de step, “un exercicio san e divertido” segundo a monitora, Sara Baquero, que di que é apto para todas as persoas axudando a manter unha boa condición física e a aumentar a resistencia, sobre todo co fortalecemento das pernas. “O importante durante a sesión é facer suar á xente”, di Sara, que revela que para conseguir isto o truco está na música. A súa escolla son os ritmos house, tecno e disco, “que axudan a manter as pulsacións elevadas”.
Para Sara a combinación do deporte coa solidariedade “é unha boa opción para incentivar a xente a axudar aos máis necesitados”. Con todo, botou en falta unha maior participación, que achacou á adversidade meteorolóxica dun dos días máis fríos do ano. “Estou acostumada a asistir a convencións en sitios cálidos, onde se fai deporte ao aire libre, o que anima a moita máis xente”, explicou, ao tempo que destacou a valentía dos asistentes ao maratón. Trala súa clase foi a quenda de Mónica e Aurora, que seguiron cunha sesión de aeróbic para manter o ritmo e remataron cunha clase de pilates para tonificar e diminuír a intensidade.