DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolle un obradoiro sobre o espazo público como lugar de creación

O prazo de inscrición esténdese ata o próximo venres día 27 de novembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 24/11/2009

A Casa das Campás acollerá do 1 ao 4 de decembro, dentro da súa programación de outono, o obradoiro Espazo público como contorna para a creación. Dirixido por Alberto Peral e coordinado por Mónica Ortuzar, intentará establecer paralelismos entre as múltiples posibilidades que ofrece a rúa para a creación, dende pequenas accións que utilicen a contorna ata a visión social ou a intervención na arquitectura. O seu obxectivo concreto é, segundo a coordinadora, "relacionar a cidade co obxecto artístico e empregar a contorna no proceso de creación escultórica".
Para o desenvolvemento deste obradoiro, ademais da súa propia intervención, Mónica Ortuzar convidou a vir a Pontevedra a tres escultores de Barcelona: Alberto Peral, Jesús Palomino e Luis Bisbe. En catro sesións diferentes articularán un espazo de traballo común a partir do que trinta alumnos poidan facer un percorrido pola cidade para o rexistro de elementos e, ao mesmo tempo, levar a cidade á Casa das Campás.
Malia que no programa cada sesión está estruturada en dúas partes, conferencia e proposta a partir do propio relatorio, Ortuzar sinalou que non funcionarán como clases pechadas, senón que establecerán conexións, baseándose nun intercambio xeral de experiencias. Como explica a coordinadora das xornadas, "farán unha saída de campo na que con cámaras de foto, vídeo, debuxos, acuarelas ou calquera outra estratexia recollan partes da cidade que lles interesen, para logo levalas á Casa das Campás e intervilas alí, tendo en conta que esta tamén é un espazo público". Trataríase, polo tanto, dun obradoiro sobre a creación no espazo público, pero tamén sobre "o obxecto artístico no espazo público e o site specific", é dicir, por unha parte, a análise do obxecto no lugar onde se atopa e, pola outra, o obxecto como algo separado da contorna da cidade.

Inscrición gratuíta a través da web da vicerreitoría do campus de Pontevedra

A inscrición neste obradoiro é totalmente gratuíta e pode formalizarse desde este martes ata o vindeiro venres día 27, cubrindo o formulario que se pode atopar na web da vicerreitoría do campus de Pontevedra e enviándoo ao enderezo electrónico campusdepontevedra@uvigo.es. Ofértanse en total trinta prazas, que se cubrirán por orde de matriculación, e non está restrinxido a estudantes ou lincenciados en Belas Artes, senón que está aberto a calquera persoa interesada no tema.