DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acollerá a vindeira semana unha xornada sobre "Xéneros na arte"

Organizada pola Aula Castelao de Filosfía en colaboración coa vicerreitoría do campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 04/12/2009

Ao igual que as demais historias, a da arte é tamén diferente segundo quen a conte. Ampliar as miras e rastrexala desde unha perspectiva de xénero é o obxectivo das xornadas Xéneros na arte, organizadas pola Aula Castelao de Filosofía, dirixidas por Carlos Calviño e patrocinadas pola vicerreitoría do campus de Pontevedra. Ao longo de tres días, do 9 ao 11 de decembro, tres recoñecidos estudosos do mundo da arte relatarán na Casa das Campás as súas investigacións feitas neste eido para achegar unha visión diferente e crítica fronte á historiografía hexemónica.
Estas xornadas responden, segundo Calviño, a un interese da propia Aula por ampliar a súa contribución á vida cultural pontevedresa alén da organización anual da Semana da Filosofía. No particular, amosan a preocupación desta entidade pola reflexión acerca da arte. “Estas xornadas procurarán observar a arte dende a perspectiva de xénero, aportando como fundamento a reflexión filosófica, e servindo como introdución a unha Semana de Filosofía que en breve esperamos poder dedicarlle á arte”, precisa o seu coordinador.

O caso do Kulturunea Montehermoso

O primeiro en intervir será Xabier Arakistain, director do Kulturunea Montehermoso de Vitoria-Gasteiz. Nunha conferencia titulada A perspectiva feminista na arte contemporánea. O caso de Montehermoso, analizará arte e xénero dende a experiencia do centro que dirixe. Constituído como un espazo de produción, exhibición e difusión da arte e o pensamento contemporáneos, ten como un dos seus obxectivos principais a aplicación das políticas de igualdade entre ambos os dous sexos. “Segue unha liña clara dentro da súa programación para promover proxectos relacionados co desenvolvemento dunha historiografía da arte feminista no estado español”, remarca Calviño, que pon como exemplos os comisariados de Arakistain das exposicións La Mirada Iracunda/The Furious Gaze e Living Together. Estrategias para la convivencia.

O século XIX, clave no cambio dos roles femininos

O xoves día 10 será a quenda de Erika Bornay Campoamor, profesora de historia da arte na Universidade de Barcelona, coa conferencia A muller real versus a muller ideal a finais do século XIX. Realizará unha contextualización histórica para poñer en relevo os cambios sociais e políticos decimonónicos, que deron lugar á aparición dun tipo de muller real que contraveu o ideal que só se atopaba no imaxinario masculino. Aquí se sitúa o obxecto de estudo dos seus últimos traballos, que tratan na súa maioría sobre a iconografía da muller na pintura.
O século XIX foi clave no cambio dos roles da muller asumidos socialmente. “O temor do home ante o novo papel da muller no traballo e na vida pública conduciu á proliferación de teorías antifeministas que intentaron dar autoridade filosófica e científica a actitudes masculinas misóxinas”, explica Calviño. De aí que, por unha banda, se propagase a imaxinería literaria e visual sobre o tema da femme fatale e, por outra, en función dos cambios socioeconómicos que mudaron o papel da muller, esta pasase a representarse non só como ideal, senón como real.

As outras historias da arte

Patricia Mayayo, profesora de historia da arte na Universidade Autónoma de Madrid, será a encargada de clausurar as xornadas. Co relatorio Intervencións feministas na(s) historia(s) da arte tentará reparar a omisión sistemática das mulleres artistas polo discurso oficial, ao tempo que poñerá en cuestión moitas das categorías fundamentais sobre as que se asenta a disciplina da historia da arte no seu conxunto. Seguindo o fío das súas investigacións, centradas na historiografía feminista e na arte contemporánea, tratará de repensar e reescribir outras posibles historias da arte, para ter unha visión completa da realidade artística, máis alá do paradigma masculino hexemónico.
A consideración da diferenza sexual na reflexión histórica da arte é unha cuestión recente, salienta Carlos Calviño, pois nace a principios da década de 1970, coincidindo coa renovación dos movementos feministas. Dende entón, as lecturas feministas centráronse, como explica o coordinador das xornadas, en dous ámbitos: “a investigación sobre a muller artista, silenciada pola historiografía tradicional, e o estudo da imaxe da muller nas artes plásticas”. Estes serán os dous campos de contidos que se desenvolverán ao longo das xornadas.