DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás convértese nunha sala de cine alemán alternativo

Acolle as xornadas 'Ao redor de Berliner Schuler' todos os mércores do segundo cuadrimestre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 15/03/2011

A programación cultural do campus pontevedrés volve dedicar un día da semana á proxección de películas pouco accesibles por canles convencionais. Así, todos os mércores do segundo cuadrimestre a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral poderá achegarse ao ciclo de cinema Ao redor de Berliner Schuler, unha corrente estilística dos anos noventa “que se presenta como alternativa á oferta máis comercial que domina nunha Alemaña aparentemente estable”, comenta Suso Novás, coordinador das xornadas. A primeira sesión está programada para este mércores ás 18.30 horas na Casa das Campás coa proxección do filme Viaxe de estudos de Henner Winkler.

Este ciclo de cine nace co obxectivo de aproximar á poboación pontevedresa a unha oferta nova, unha alternativa ás películas comerciais que se visualizan nas salas de cine da cidade. Como aclara Novás, a pesar de que as cintas incluídas dentro da Berliner Schuler gozan dunha boa crítica e están avaladas por premios en festivais de referencia internacional, “non contan cunha distribución axeitada, xa que moitas delas non foron nin estreadas en España”. Por iso, engade que é unha boa oportunidade para “que a xente poida ver outras formas de entender e facer cine, máis aló do que establece como normal”.

Reflexo da sociedade alemá

Ao redor de Berliner Schuler é un ciclo que se caracteriza por presentar producións que tratan a vertente máis social dunha Alemaña “que non está tan unida como queren facer a ver tras a caída do muro de Berlín”. Así, mediante historias contemporáneas, os seus directores "queren presentar todos os síntomas que padecen as sociedades do primeiro mundo coas súas neuroses, temores, medos...”. Trátase en definitiva de “traballar co día a día” para crear unha empatía directa co espectador. Como subliña o coordinador, “estes filmes funcionan por decantación” pois os autores se manteñen á marxe da historia pero “obrigan ao interlocutor a implicarse de tal xeito que sexa quen de facer as súas lecturas, de extraer as súas conclusións de algo que a el tamén lle está sucedendo”.

Esta corrente estilística, que naceu por oposición “ao cine caligráfico que parte de adaptacións de obras literarias”, potencia unha posta en escena “moi coidada e pouco habitual”, con encadres “extremadamente atractivos moi depurados e limpos, bebendo da escenografía teatral”, co emprego de planos secuencia e poucos diálogos.

Resto da programación

As sesións, que comezan cunha introdución da peza audiovisual para dar paso a súa proxección e un posterior coloquio, prolongaranse ata o vindeiro mércores 4 de maio. As longametraxes escollidas, que representan “tanto aos autores que iniciaron a corrente como os que a continuaron”, proseguirán o mércores 23 de marzo con Bungalow de Ulrich Köhler; o 30 de marzo proxectarase O espía durminte, de Benjamin Heisenberg; o 6 de abril, Vacacións de Thomas Arslan; o 13 de abril, Jerichow de Christian Petzold; o 27 de abril Tarde, de Angela Schanelec e finalmente Yella de Christian Petzold para o 4 de maio.