DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun concerto do quinteto cubano Cimarrón

A Casa das Campás moverase este venres ao ritmo da guajira e o danzón

A programación cultural complétase esta semana cunha nova sesión do ciclo 'De promesa a realidade'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 19/03/2013

Guajira, danzón, contradanza e son animarán este venres a Casa das Campás. O quinteto Cimarrón, conformado na súa totalidade por músicos cubanos graduados no Instituto Superior de Arte de La Habana, ofrecerá un concerto no que presentarán o seu novo traballo discográfico, 20 cordas, co que farán un percorrido polos principais xéneros da música cubana. Enmarcado dentro dunha programación cultural lúdica e festiva, “o concerto permite que os asistentes coñezan de primeira man un estilo musical cunhas peculiaridades que o fan único”, indica Ana Belén Fernández, directora do Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra.

No eido musical, o quinteto Cimarrón destaca pola súa habilidade á hora de mesturar os ritmos máis tradicionais con aqueles máis modernos, xerando unha combinación que os fai diferentes e únicos. O concerto, que terá lugar este venres ás 21.00 h na Casa das Campás, está dirixido a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral, “xa que tratamos de traer perfís variados para satisfacer as necesidades dun público que busca novidades, actividades e espectáculos que se saen da oferta habitual, convertendo xa nun clásico as actuacións de artistas de jazz”, puntualiza Fernández.

A realidade no ámbito artístico

Dentro tamén da programación cultural e dirixido ao alumnado de último curso do grao en Belas Artes e a estudantes de mestrado, este xoves terá lugar unha nova sesión do ciclo de conferencias De promesa a realidade, que trata de amosar a situación profesional á que se terán que enfrontar aqueles que están a piques de rematar os seus estudos, relatada dende o punto de vista de ex alumnos e alumnas do centro. Desta volta, será Alberto Guitián o encargado de contar a súa experiencia tras finalizar a carreira, presentando o campo da ilustración coma unha vía de traballo para os titulados. A intervención terá lugar este xoves 21 ás 12.30 h na Facultade de Belas Artes. O ciclo continuará o xoves 4 de abril, á volta de Semana Santa, coa participación da investigadora, docente e artista plástica Maribel Castro.

A comunicación na sociedade global

Este mércores 20 de marzo terá lugar a conferencia de Joseph Straubhaar, profesor emérito de Comunicación da Universidade de Texas en Austin, que achegará aos asistentes as novas tendencias de comunicación na sociedade global dende unha perspectiva americana. Autor das obras Televisión do mundo: do Global ao Local e coautor e editor de Desigualdade na Tecnópole: raza, clase, xénero e a fenda dixital en Austin, o docente fará partícipes aos asistentes dos resultados das súas investigacións, centradas na globalización e a transnacionalización da televisión e os novos medios de comunicación. O evento terá lugar as 10.00 h no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.