DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición nesta iniciativa da Vicerreitoría do campus permanece aberto ata o 31 de xullo

A Casa Inglesa busca novos inquilinos e inquilinas

O obxectivo é promover a inmersión lingüística do alumnado a través da convivencia cunha persoa nati

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 26/06/2014

Un aluguer a un prezo accesible e a posibilidade de mellorar o dominio do inglés sen saír da casa. Estes son os dous grandes atractivos da Casa Inglesa, unha iniciativa da Vicerreitoría aberta tanto ao alumnado do campus como a aqueles estudantes que cheguen a Pontevedra a través dos diferentes programas mobilidade. Ata o 31 de xullo permanecerá aberto o prazo de inscrición nesta iniciativa que busca fomentar a inmersión lingüística do alumnado a través da convivencia titorizada nun piso que compartirán cunha persoa nativa dun país anglosaxón e no que o inglés será a lingua oficial.

Como apunta o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, “aínda que acudir a clases de idiomas é algo fundamental, existe un aspecto importante para o dominio dunha lingua que queda fóra do ensino regulado, o día a día”. Precisamente neste aspecto é onde radica o “valor engadido que proporciona a Casa Inglesa", que vén de abrir o seu prazo de matrícula para o vindeiro curso académico. Cuns prezos que oscilan entre os 130 e os 150 euros nun cuarto compartido e entre os 200 e os 250 euros nunha habitación individual, nos que xa están incluídos os gastos de luz, auga, calefacción e ADSL, esta iniciativa da Vicerreitoría do campus tense convertido nunha “opción de aloxamento única para os estudantes”, como recoñece Corbacho. Non en van, por un prezo accesible, os inquilinos e inquilinas poden vivir unha “experiencia que lles enriquece tanto desde un punto de vista académico como persoal, posto que fomenta un intercambio a todos os niveis”.

Unha opción tamén para o estudantado estranxeiro

Co obxectivo de que este espazo, posto en marcha pola Vicerreitoría no ano 2012, sirva tamén como un punto de intercambio cultural en pleno centro de Pontevedra, a Casa Inglesa abre tamén as súas portas ao alumnado estranxeiro que o vindeiro curso chegue ao campus a través dos diferentes programas de mobilidade académica e que queiran tamén mellorar o seu dominio do inglés.

Un head resident, unha persoa procedente dun país anglosaxón que participa nos programas de lectorado da Xunta para o ensino secundario, serviralles como principal apoio na seu aprendizaxe idiomática nunha casa na que o único requisito é falar en inglés e onde se levarán a cabo unha serie de actividades co obxectivo de fomentar a convivencia neste idioma. Así mesmo, como explica Corbacho, tamén se ofrece aos inquilinos e inquilinas deste espazo a posibilidade de acudir a cursos de inglés e de presentarse a exames de acreditación do seu nivel lingüístico.