DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Once alumnos e alumnas participarán o vindeiro curso nesta iniciativa da Vicerreitoría do campus

A Casa Inglesa triplica a súa demanda

Os estudantes convivirán cunha persoa nativa dun país anglosaxón en tres pisos nos que só se falará

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 12/08/2014

O vindeiro curso académico, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra abrirá as portas, por terceiro ano consecutivo, da Casa Inglesa, unha iniciativa que busca promover a inmersión lingüística do alumnado do campus a través da convivencia titorizada cunha persoa nativa dun país anglosaxón. Farao ademais, por partida tripla, debido ao incremento da demanda deste programa, que ofrece ao estudantado o alugueiro dun cuarto a un prezo accesible nun piso no que o inglés é a lingua oficial. Serán un total de once, fronte os catro do pasado curso, os estudantes que desta volta participen neste proxecto, o que obriga a ampliar as dimensións da Casa Inglesa dun único piso a tres vivendas.

Este incremento da demanda motivou precisamente que este martes o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, visitase xunto a coordinadora da Casa Inglesa, Teresa González, os dous novos pisos que se van incorporar a esta iniciativa e que agora cómpre acondicionar para a chegada dos seus novos inquilinos no mes de setembro. “Estamos moi satisfeitos polo aumento da demanda, que practicamente triplica a do curso anterior”, sinalou o vicerreitor, que incidiu no feito de que entre os novos demandantes figurasen mesmo varios mozos e mozas que o vindeiro curso vivirán a súa primeira experiencia como universitarios en Pontevedra. De feito, coa excepción dunha estudante de doutoramento, que xa participou nesta iniciativa o pasado curso, dez dos once futuros inquilinos da Casa Inglesa vivirán desde setembro a súa primeira experiencia nuns pisos nos que convivirán cunha persoa nativa dun país anglosaxón e nos que será obrigado o uso do inglés, tanto na vida diaria como nas diferentes actividades que se promoverán para fomentar a convivencia entre os participantes.

Tres ‘Casas Inglesas’ no mesmo edificio

O aumento da demanda obriga a dividir aos solicitantes en tres pisos, mais non isto non suporá un distanciamento do alumnado participante nesta iniciativa. Non en van, as dúas vivendas que a Vicerreitoría vai sumar ao proxecto atópanse emprazadas no mesmo edificio da rúa Loureiro Crespo no que xa se atopa a Casa Inglesa que funcionou o pasado curso. “Deste xeito lograremos unha convivencia máis ampla, propoñendo que, dentro das posibilidades de espazo, poidan desenvolver actividades conxuntas entre todos”, sinala González.

A incorporación de Erasmus, o seguinte reto

Unha vez pechado o prazo de inscrición neste proxecto e realizadas as entrevistas aos futuros inquilinos e inquilinas, desde a Vicerreitoría do campus tratarase agora de “intensificar a promoción da Casa Inglesa entre os estudantes Erasmus de cara a próxima convocatoria”, sinala o vicerreitor. Neste senso, Corbacho incide en que a posibilidade de fomentar a convivencia con persoas doutros países, “non só permite aprender unha idioma senón que fomenta tamén un intercambio cultural que pode resultar moi valioso”.