DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Publícase o libro coas intervencións das 'XII Xornadas Sociedade e Dereito'

Case 400 páxinas para pasar das palabras aos feitos no eido da igualdade de xénero

Coas achegas de máis dunha vintena de expertos e expertas de diferentes disciplinas

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 04/12/2017

Mujer, Política e Igualdad. De las palabras a los hechos. Con este título, vén de publicarse na editorial Tirant lo Blanch o libro electrónico que recolle as actas das XII Xornadas Sociedade e Dereito, celebradas do 28 de marzo ao 5 de abril de 2016 na Facultade de Dereito do campus de Ourense. A cita, e agora a súa publicación, reuniu a máis dunha vintena de expertos e expertas do ámbito político, social, cultural e académico para abordar como a igualdade formal non se traduce nunha igualdade real entre homes e mulleres.

Diversidade e actualidade

“Aínda que temos avanzado moitísimo no eido da igualdade, acadando cotas inimaxinables hai unhas décadas, os feitos están aí e a igualdade de feito non está acadada. Esta publicación pode dar chaves para comprender esta situación, para afondar no papel da muller no estado contemporáneo”, comenta o profesor José Agustín González-Ares, coordinador das xornadas e da publicación. Trátase, apunta, dun libro “moi coidado” no que ao longo de case 400 páxinas se abordan “temáticas moi diversas pero sobre todo moi actuais” e que abranguen bo parte das intervencións escoitadas durante a realización das xornadas, xornadas que contaron coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, a Asociación Galega de Estudos Xurídicos e a Secretaría Xeral da Igualdade.

Precisamente, a publicación arrancan cun prólogo de Ernesto Pedrosa, Consello Social da Universidade de Vigo, no que destaca como estas xornadas e as súas correspondentes publicacións “son bo exemplo de compromiso cunha formación de calidade, que enriquece aos estudantes e mellora a sociedade”. Tras esta introdución, os artigos arrancan cun texto da investigadora María Victoria Álvarez Buján, que participou na coordinación das xornadas e desta publicación, sobre a proba de adn no proceso penal español e a muller como vítima de violencia sexual.

Da avogacía aos piropos

Ao longo do libro abórdanse cuestións como a cuestión de xénero en referencia á Constitución; a muller na avogacía; os tipos de discriminación de xénero; os piropos como forma de obxectivización do corpo da muller e a “carreira de obstáculos” da igualdade no eido deportivo. Desde unha perspectiva histórica, a publicación tamén recolle achegas sobre as actividades da falanxe feminina durante o franquismo; a muller e a igualdade desde o dereito romano ata a actualidade, con especial referencia ao ordenamento xurídico español; o nacemento e evolución da conciencia feminina na sociedade española no período 1810-1936 e a mobilización das mulleres entre 1900-1940. Outros do temas abordados son a doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e o Tribunal Constitucional ante a discriminación por motivos de xénero; a igualdade de xénero no sistema educativo, na ciencia e no réxime xurídico de emprego público e a promoción da igualdade en Galicia. Ademais, a obra tamén conta con achegas de Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e de Milagros Otero, valedora do Pobo.

Cada curso, as Xornadas Sociedade e Dereito, lembran os seus responsables, propoñen unha análise e debate multidisciplinar en profundidade arredor dun tema de gran calado social, desde os problemas da xustiza ata a reforma da administración. Na súa última edición, a iniciativa quixo centrarse no eido da igualdade por considerar que era “unha débeda pendente” afondar nesta temática. Coa celebración primeiro das xornadas e agora coa publicación do seu libro electrónico, os promotores da iniciativa salientan o seu desexo de contribuír non só á información senón tamén ao debate fundamentado arredor da desigualdade de xénero na sociedade actual.