DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado polos colexios profesionais do sector

Case o 92% dos enxeñeiros en informática están traballando

A media de tempo para atopar un emprego ao rematar os estudos é de dous meses e medio

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 20/03/2014

Aínda que a crise económica e o paro son dous fenómenos globais o certo é que non afectan a todos nin a todos por igual. Hai sectores económicos, sociais e profesionais que se manteñen a resgardo deste drama. Un deles é o colectivo dos enxeñeiros en informática. Segundo un estudo realizado polos seus colexios profesionais, a inmensa maioría destes titulados en Galicia conseguen un traballo ao mes ou dous meses de rematar o seus estudos, teñen contrato indefinido e a tempo completo e traballan para o que foron formados. Unha imaxe idílica que, porén, non impide que descenda o número de alumnado matriculado nestas carreiras.

O estudo, titulado Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, foi presentado este xoves na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense nun acto que contou coa asistencia de alumnado do centro e coa participación de Ana Garriga, directora desta escola; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia CPEIG; Felicitas Rodríguez, xefa do Departamento de Sociedade da Información da Amtega, e Marcos Mata, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia CPETIG. “Os datos deste informe son moi interesantes, sobre todo para o alumnado que este ano remata os seus estudos e que dentro duns meses se enfrontará ao mercado laboral”, destacou Ana Garriga. “Sodes afortunados pois como resalta o informe a profesión de enxeñeiro en informática ten unha empregabilidade elevada, o tempo para atopar un traballo é curto e a estabilidade alta”, apuntou Felicitas Rodríguez.

O perfil

Fernando Suárez foi o encargado de debullar as principais conclusións extraídas do informe, feito en base a 494 enquisas electrónicas realizadas a 341 colexiados do CPEIG e o resto a colexiados do CPETIG. Entre os datos obtidos, salientou a alta empregabilidade dos enxeñeiros, cun 91,77% traballando, o 80,4% deles por conta allea. A metade dos ocupados atoparon segundo o informe o seu primeiro emprego en menos dun mes e a media para que un titulado obteña o primeiro traballo é de dous meses e medio desde que comeza a busca. Como mostra da estabilidade laboral, o documento indica que o 79,35% dos enquisados ten contrato indefinido e que o 98,17% está a xornada completa, repartíndose entre o sector público e o privado.

Segundo destacou o presidente do colexio, o principal exercicio profesional destes enxeñeiros é a elaboración de proxectos informáticos, posto acorde coa súa formación e expectativas. As competencias que consideran máis importantes para o desempeño do seu traballo son a capacidade de aprendizaxe e a adaptabilidade. Ademais, subliña o informe, o nivel de satisfacción coa formación recibida na universidade é de 3,37 puntos sobre 5 e a principal motivación para realizar os estudos foi a vocación no caso dos homes (56,03%) e as saídas laborais no das mulleres (55,56%), mulleres que só representaban o 27,69% dos enquisados. Na presentación tamén se indicou que o tramo salarial máis común dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática é o comprendido entre os 18.000 e 30.000 euros brutos ao ano.

O futuro

A pesar destas desexables saídas laborais, comentou Fernando Suárez, en Galicia, ao igual que en toda Europa, as universidades non están a titular os suficientes profesionais en enxeñaría en informática como para cubrir a demanda do mercado laboral. De feito, advertiu, as taxas de matrícula están descendendo e segue a ser especialmente preocupante a falla de alumnas neste eido. “Estase perdendo un potencial enorme”, salientou o decano do CPEIG.

Por último, Marcos Mata destacou que este estudo é moi positivo para a profesión pero que hai que ter en conta que non describe a situación laboral dos non colexiados, que poderían matizar a realidade descrita no informe presentado este xoves no campus de Ourense. En todo caso, engadiu, “é necesario loitar por manter esta situación favorable” e para evitar que, por exemplo, cambios normativos mingúen os dereitos dos enxeñeiros en informática.