DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Geaat organiza este venres e sábado un simposio internacional con este obxectivo

O Castelo de Malpaso sitúase no mapa da arqueoloxía medieval

Nel explícanse os resultados das campañas realizadas en San Salvador dos Penedos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 04/05/2018

Os días 4 e 5 de maio o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat, da Universidade de Vigo, celebra o Simposio Internacional de Arqueoloxía Medieval. Este venres arrancou na Facultade de Historia un programa co que se pretende, a través das achegas de diferentes expertas e expertos, avanzar no coñecemento e valorización do xacemento altomedieval situado nas inmediacións da aldea de San Salvador dos Penedos, en Allariz, e coñecido como Castelo de Mouresiños ou Castelo do Malpaso, onde o Geaat ten desenvolvido diferentes intervencións arqueolóxicas.

“Esta actividade demostra unha vez máis o gran dinamismo desta nosa pequena facultade”, comentou Susana Reboreda durante a inauguración da cita, lembrando ademais “o alto grao de formación en arqueoloxía do noso alumnado non só a través das materias senón tamén a través das prácticas”. Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense, e Francisco García, alcalde de Allariz, coincidiron en salientar durante esta apertura a frutífera colaboración existente entre as dúas institucións que representan. “Este tipo de iniciativas permiten pór en valor o patrimonio agochado no territorio”, subliñou Virxilio Rodríguez, que quixo agradecer “o apoio aberto e a comprensión” que sempre amosa o Concello de Allariz coas propostas feitas desde a institución académica. Francisco García agradeceu pola súa banda o proxecto desenvolvido polo Geaat en San Salvador dos Penedos, “que para nós é unha pequena xoia na que natureza e patrimonio están en comuñón”. O traballo levado a cabo alí, sinalou, supón “un recurso máis” para avanzar na dinamización económica deste enclave e na valorización do seu patrimonio. “Co pasado é fácil ter futuro”, recalcou o alcalde de Allariz.

Os resultados de dúas campañas

Tal e como se explicará ao longo da sesión deste venres na Facultade de Historia e deste sábado no propio enclave de San Salvador dos Penedos, a principios do ano 2016 o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio puxo en marcha o Proxecto Sancti Salvatoris co obxectivo de estudar e valorizar o xacemento altomedieval do Castelo de Mouresiños ou Castelo do Malpaso. A iniciativa, sinalan os seus responsables, estivo financiada pola convocatoria a proxectos de investigación Inou da Vicerreitoría do campus de Ourense e a Deputación de Ourense nos anos 2016 e 2017, contando ademais as dúas campañas realizadas co apoio do Concello de Allariz, que achegou medios humanos e técnicos.

“Estas intervencións tiveron como resultado o descubrimento dun castelo descoñecido ata o momento. A escavación arqueolóxica centrouse en dúas zonas diferentes, unha plataforma inferior con dúas tumbas escavadas na rocha e unha serie de rebaixes na rocha, que nos indican a existencia dunha estrutura anterior; e unha plataforma superior onde se localiza o castelo propiamente devandito, con dúas zonas ou portas de acceso e un torreón en altura, ademais doutras zonas cunha posible función habitacional”, comentan as e os investigadores do Geaat e proxecto Patricia Valle, Alba A. Rodríguez e Adolfo Fernández. Os datos recollidos ata o momento, sinalan, sitúan o xacemento nun arco temporal que arrinca nun momento indeterminado da época altomedieval (séculos IX-X), cando no lugar se soterraron cando menos dúas persoas en sendas sepulturas escavadas nun penedo granítico, ata os finais do século XIII, cando parece abandonarse o castelo situado no cumio do promontorio rochoso”, explican as arqueólogas e arqueólogo do proxecto.

Ao longo do seminario que se celebra estes días en Ourense, sinalan desde a organización, ademais de explicar os resultados destas campañas “farase un repaso a restos coetáneos no tempo dentro do val do río Arnoia e o control dos espazos que o propio castelo ten sobre este territorio. Así mesmo, comentaremos o contexto histórico e os testemuños documentais do momento de ocupación de Malpaso”. Ademais está previsto que se expliquen os primeiros resultados relativos ao material exhumado. A pesar da reducida área de escavación, detallan por último, “os materiais arqueolóxicos recuperados e a información sobre a arquitectura do castelo supón un importante fito para a arqueoloxía medieval galega aspirando a converterse nun referente para este período histórico”.

Aprendendo de expertos e expertas

Este Simposio Internacional de Arqueoloxía Medieval, indican os seus responsables, concíbese como unha plataforma onde presentar os resultados científicos do proxecto e como un lugar de debate entre especialistas contrastados neste ámbito, que mostrarán novidades dos seus proxectos de investigación achegando así a súa experiencia ao Proxecto Sancti Salvatoris. O programa de conferencias conta coa participación de expertas e expertos de, ademais da Universidade de Vigo, das universidades de Santiago de Compostela, País Vasco, Oviedo, Nova de Lisboa e Uned. Durante as súas intervencións falarán das comunidades campesiñas e poboamento no territorio de Viseu no século X; das fortificacións, paisaxe e poder na Galicia altomedieval; dos resultados da primeira campaña arqueolóxica no Castelo de Viguera, na Rioxa, e do castelo de Gauzón, en Asturias.