DUVI

Diario da Universidade de Vigo

150 persoas participan este sábado nun percorrido de dezaoito quilómetros e dificultade baixa

O Castro de Santomé e as termas, principais atractivos da primeira ruta cultural

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 22/10/2009

O Castro de Santomé, situado na freguesía de San Bernardo de Tibiás, é un dos conxuntos arqueolóxico-naturais de maior interese da provincia. Escavado a partir de 1983 polos arqueólogos do Grupo Marcelo Macías, os traballos de escavación e musealización sacaron á luz amplas zonas de xacemento.
O sábado, 24 de outubro, 150 persoas, entre alumnado da Universidade e público en xeral, terán a oportunidade de visitar e coñecer este xacemento da man das Rutas Culturais, unha iniciativa posta en marcha, un curso máis, polo Servizo de Deportes da Universidade. Esta primeira andaina leva por título Ruta das Termas, xa que os seus principais atractivos, ademais do Castro de Santomé, son as Termas da Chavasqueira e de Outariz, onde os participantes poderán gozar dos beneficios e da calidade das súas augas.
Os participantes sairán ás nove da mañá do campus de Ourense (cafetería Bekas) para percorrer un itinerario de dezaoito quilómetros e que inclúe as seguintes paradas: A Loña, Mende, Castro de San Tomé, A Chavasqueira e Outariz. A volta está prevista para as sete da tarde.

O calzado, clave para participar

José García Calvo, “Willy”, coordinador das Rutas Culturais, cualifica de “baixa” a dificultade da andaina. Lembra que os participantes deben levar traxe de baño, toalla e chanclas para poder bañarse nas termas, e fai unha recomendación moi importante. Segundo explica, “o calzado é a clave do sendeirismo. As zapatillas de deporte, por exemplo, non serven; hai que levar un calzado apropiado para camiñar, é dicir, botas de goretex, por ser este un material impermeable”. Uns calcetíns bos, mellor de algodón, e non usar nunca dobre calcetín “porque produce ampolas”, son outros avisos a ter en conta polos participantes. A Ruta das Termas é, xa que logo, a primeira andaina prevista na axenda das Rutas Culturais para este curso académico. A seguinte cita será o día 7 de novembro coa Ruta dos Muiños do Río Lonia, un percorrido de dezaoito quilómetros tamén e de dificultade baixa que inclúe as seguintes paradas: Encoro de Cachamuíña, A Chaira, Boeiros e A Loña do Camiño. Así mesmo, e ó remate da ruta, os participantes celebrarán un magosto con chourizos, castañas e viño.
O prazo de inscrición para participar nesta segunda ruta péchase o día 3 de novembro. O prezo por unha ruta é de oito euros para a comunidade universitaria, e 13 euros para as persoas externas. Tamén hai bonos de cinco rutas (35 euros para os universitarios e 55 euros para as persoas externas), e de once rutas (65 euros para os universitarios e 100 euros para as persoas externas). Así mesmo, e coincidindo coa celebración do Xacobeo no ano 2010, realizarase o Camiño de Santiago dende Ourense en tres xornadas de sendeirismo a través da Vía da Prata. Para este percorrido só hai corenta prazas, cuns prezos que oscilan entre os 100 euros para os universitarios e 140 para as persoas externas.

Universitarios que se fixeron noivos nas rutas

As Rutas Culturais comezaron o seu desenvolvemento hai dez anos co obxectivo de proporcionar entre a comunidad universitaria a posibilidade de facer exercicio cun fin agradable, como é o de coñecer a riqueza monumental e paisaxística da provincia de Ourense. O perfil dos participantes na iniciativa vai dende o mozo universitario de entre 20 e 23 anos de idade, amante do sendeirismo e que busca tamén acadar créditos de libre configuración (concédese un crédito de libre configuración por cada tres rutas, ata un máximo de dous créditos), ata persoas externas á Universidade, duns corenta anos de idade, amantes do sendeirismo tamén e que queren permanecer en contacto co mundo universitario.
José García Calvo, “Willy”, asegura que non hai que ter unha preparación física especial para participar nas rutas xa que nestas andaina hai unha norma fundamental. Segundo explica, “a velocidade de progresión, o ritmo da ruta, é sempre o ritmo do máis lento. O máis importante e que tódolos participantes poidan facer o percorrido sen problemas e que gocen da experiencia”. Un dos aspectos máis importantes das rutas é a convivencia entre os participantes, e así o subliña “Willy”. De feito, e segundo revela, “temos parellas que se fixeron noivos nas rutas. Son universitarios que se coñeceron nunha ruta e que, ó cabo de cinco rutas, xa son noivos”, declara. Outro aspecto a subliñar da iniciativa é a posibilidade que ofrece para coñecer o noso entorno máis próximo e as riquezas monumentais e paisaxísticas que agocha, como O Rexo, San Clodio, San Pedro de Rocas, Mosteiro de Santa Cristina e a Fervenza do Barbantiño, entre outros lugares de interese.

Outras rutas do programa

A Ruta Currosiana, o día 21 de novembro, e a Ruta Río Barbantiño, o día 12 de decembro, pecharán o programa de andainas previsto para este ano, 2009. O 2010, comezará con dúas rutas en xaneiro (a Ruta Santa Mariña de Augas Santas, o 16 de xaneiro, e a Ruta Serra do Xurés, o 30 de xaneiro). O día 20 de febreiro estará dedicado á Ruta do Ribeiro; o 13 de marzo farase a Ruta dos Mosteiros San Pedro de Rocas e Santo Estevo, o 10 de abril a Ruta da Vía da Prata, o 24 de abril a Ruta Mosteiro de Montederramo-San Mamede e o 8 de maio a Ruta Canón do Sil. O programa de percorridos pecharase os días 15, 16 e 17 de maio de 2010 coa realización do Camiño de Santiago pola Vía da Prata.