DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle o curso de 'Cata de viños, augardentes e licores'

A cata saborea o seu lado emocional

O vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres reivindica o valor do intanxible que acompaña ao

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/06/2011
Unha cata de viños consiste en facer unha avaliación deles a través dos sentidos. É unha descrición aromática, visual e gustativa das súas propiedades. Pero un viño non só é iso, agocha tras de si toda unha parte emocional, de historia, paisaxe, cultura ou imaxe, que tamén está presente á hora de saborealos e que polo tanto tamén se debería ter en conta na súa avaliación. José Antonio Portela, vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres, foi o encargado de abrir o curso de verán Cata de viños, augardentes e licores expondo en que consiste este novo concepto de cata emocional.

O curso, dirixido por María del Carmen Pérez e Esperanza Fernández, desenvólvese desde este luns e durante toda a semana no campus de Ourense. “O seu obxectivo é ensinarlle aos asistentes a recoñecer as características visuais, aromáticas e gustativas dos viños, aprender a expresalas cunha terminoloxía axeitada, coñecer as características dos viños e licores galegos e iniciarse na cata e as maridaxes con alimentos”, explica Mª del Carmen Pérez. Trátase dun curso tradicional na oferta de verán do campus que sempre esgota moi axiña as súas 24 prazas dispoñibles, segundo nos explica a súa directora.

Unha filosofía

Para dar comezo as sesións, José Antonio Portela ofreceu unha conferencia titulada A emoción do viño. Nela explicou como a cata “é a última fase do viño” e como “é unha técnica que dominar pero tamén é unha emoción”. Para este experto a descrición aromática, gustativa e visual dun viño é necesaria facela pero hai que ir alén dela e ver o que nos inspira e emociona esa copa. “Se esquecemos ou ignoramos todo o que hai detrás dun viño partimos de moitas carencias para facer a súa avaliación”, advertiu.

Ese detrás do viño que tamén está presente na cata é a súa historia, a xeografía onde nace, como se cultiva, os efectos na saúde que ten, a calidade no servizo cando se serve e a cultura enolóxica que o envolve, entre outras cuestións. Coñecer todos estes factores, salientou Portela, “adiántannos o que vamos a atopar no viño e ofrécenos argumentos a favor del”. Na súa opinión, un viño que vale máis de cen euros, que foi cultivado nun lugar e dun xeito excepcional, que ten unha historia detrás, non se pode resumir e valorar nunha cata só polas súas características técnicas. “Catar é evocar, medir, analizar e interpretar”, destacou.

Partindo desta filosofía da cata, o curso de Cata de viños, augardentes e licores continúa con sesións de cata e conferencias a cargo de Sandra Mª Cortés, do Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria do CITI; Mar Vilanova, da Misión Biolóxica de Galicia; Alfonso Losada, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia; e Manuel Castro, da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro.