DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na presentación do libro “Os Instrumentos musicais na tradición galega”

O catálogo instrumental galego en concerto

O autor, Pablo Carpintero, repasou a historia da gaita de fol

Etiquetas
  • Pontevedra
Esmeralda L. Castro DUVI 06/05/2010

Avalado co premio Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio que vén de recibir, presentouse no edificio Sexto do Museo de Pontevedra o libro Os instrumentos musicais na tradición galega, que é resultado dun longo traballo de investigación ao abeiro do Proxecto Ronsel. Trátase dunha escolma de 144 instrumentos da historia musical galega, coa explicación da súa orixe, os pasos para a súa confección e o xeito de tocalos, en 500 páxinas e con máis de 1.000 fotografías e ilustracións. O seu autor, Pablo Carpintero, defíneo como “unha reunión do concepto galego do que é música e do que é un instrumento musical”. Remarca neste senso que en Galicia sobreviviron instrumentos dos que no resto de Europa só hai constancia nas escavacións arqueolóxicas.
Iván Area, coordinador do Proxecto Ronsel e Vicerreitor de Relacións Institucionais, sinalou que este libro foi posible grazas a precedentes como a obra de Castro Sampedro, que puxeron en valor o patrimonio inmaterial galego. “Este volume é unha obra colectiva, froito dun longo proceso de transmisión, que conta co aval da Unesco”, engadiu nese senso.
O acto de presentación estivo presidido por Rafael Louzán, presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, que cualificou o libro como “unha xoia, unha publicación única no seu xénero e que supón un feito de xustiza histórica coa recuperación da nosa memoria musical”.

Obra de referencia na investigación musical interdisciplinar

Iván Area destacou como un dos aspectos máis interesantes do libro a análise que fai do instrumentario galego a partir das teorías evolutivas en voga na bioloxía. “É un exemplo de traballo interdisciplinar que vincula música e bioloxía”, subliñou. Destacou tamén a limpeza dos deseños realizados polo debuxante Xoán Ramón Marín, “que eliminou o superfluo e que permiten ter unha idea da escala dos instrumentos”. Afirmou que o libro xa se converteu nunha obra de referencia e que “axiña poderemos entrar nunha librería e pedir o Carpintero, igual que pedimos o Castro Sampedro”.
Pola súa parte, Pablo Carpintero quixo salientar a importancia documental do volume, dende a achega lingüística pola variedade de nomes de instrumentos que recolle, ata as cancións, os músicos históricos ou o tipo de formacións. “Se o libro contribúe a que unha persoa intente confeccionar un instrumento coas súas instrucións xa me dou por satisfeito”, sinalou o autor, que quixo subliñar a importancia dos nenos na conservación do instrumentario.

Concerto didáctico sobre a historia da gaita de fol

A presentación do libro rematou cun concerto didáctico centrado na orixe e evolución da gaita de fol. O numeroso público, que desbordou as expectativas de Pablo Carpintero, seguiu con atención as súas explicacións e puido escoitar de preto como soan as gaitas feitas con palla, as primeiras gaitas feitas con vinchas de porco ou modelos do século XIX de Galicia e Portugal.
O autor anunciou tamén que, desde que saíron do prelo en xaneiro, xa practicamente se esgotaron todos os exemplares da primeira edición porque o volume leva meses liderando as listas de libros de non ficción máis vendidos en Galicia. Por este motivo, xa se está preparando a segunda edición, que incluirá novas achegas.