DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presidiu o acto

A cátedra Alexandre Bóveda consolida o seu labor a prol da cultura galega e as ciencias sociais coa entrega do I Premio de Investigación

Antonio Míguez e Sara Fuentes recibiron os seus galardóns

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 27/11/2008

A Cátedra Alexandre Bóveda acada madurez e froito das actividades que promove para estudar a cultura galega e impulsar o estudo das ciencias socias celebrouse este xoves a entrega do I Premio de Investigación que leva o seu nome. Antonio Míguez e Sara Fuentes, que recibiron o premio ex aequo, foron felicitados pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area; o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Fernando Quintela; o subdirector xeral de Caixanova, Antonio Gómez; e o secretario do xurado do premio, Álvaro López Mira.
A conselleira de Cultura sinalou a “tolerancia” como valor común dos dous traballos e valorou o labor dos investigadores “na construcción dun país cuxa sociedade precisa que lle axuden a reflexionar”, aspecto que considerou como “a mellor homenaxe para Alexandre Bóveda”. Bugallo salientou as “achegas sobre o pasado e o que estamos a facer con él” do traballo de Míguez sobre o xenocidio na Guerra Civil Española e a “mirada cara ao futuro” do estudo, Fluxos migratorios e escola intercultural, de Sara Fuentes.
Tanto Fuentes como Míguez aproveitaron a ocasión para agradecer o premio e o apoio que dan á Cátedra as cinco institucións que a sustentan. Fuentes, que compaxina o seu labor de investigación coa docencia nun instituto, manifestou o seu desexo de que o seu traballo “sirva para unha convivencia pacífica” mentres que Míguez felicitou “a valentía do xurado” por ter galardoado un estudo sobre “un tema incómodo” ao tempo que indicou a súa intención de “aportar solidez e fundamentos para que non nos conformemos cunha memoria acomodaticia”. O tema tratado na obra de Míguez está aínda quente nos medios de comunicación xa que, segundo el mesmo comentou, a entrega do seu manuscrito coincidiu “co auto de Garzón para investigar o xenocidio de Franco, a primeira vez que se usa este termo desde o punto de vista xurídico para un caso español”.

Posición de vangarda da cátedra

Precisamente a un feito da actualidade tamén se referiu o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, ao sinalar que a entrega do premio coincide “co acto terrorista da India” fronte ao que a “Universidade aposta pola educación en liberdade e a investigación sobre eses valores”. Neste punto recordou o labor do profesor da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, José Paz, neste país e a súa produción en relación coa literatura de Rabindranath Tagore. Area tamén valorou a cátedra como “un avance de toda a sociedade pontevedresa na que os grupos de investigación do campus, representado no acto polo vicerreitor, Jesús Hernández, amosan a súa madurez” ao tempo que gabou a compaxinación entre a docencia e a investigación da premiada Sara Fuentes e o tratamento dun “tema complicado na primeira persoa do plural” de Míguez en O que fixemos en Galicia: ensaio sobre o concepto da práctica xenocida.
Para difundir as achegas dos dous traballos de investigación xa se está preparando a edición dun libro que recolla os textos de Míguez e Fuentes, que se repartirán os 20.000 euros cos que está dotado o premio. O xurado do premio estivo integrado por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; os profesores da Universidade de Vigo, Margarita Estévez, Argimiro Rojo e Xavier Labandeira; e Marta García Pérez, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña. O director da cátedra, Álvaro López Mira, actuou como secretario.

Homenaxe a Bóveda

Como en cada acto ao abeiro desta cátedra, a figura de Alexandre Bóveda recibiu numerosas alusións. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, comentou que “Galicia e Pontevedra tiñan unha débeda histórica” co político galeguista e considerou este esforzo institucional como “un chanzo máis” no seu subsanamento. Do mesmo xeito, o representante de Caixanova, Antonio Gómez , lembrou outras frontes de actuación da cátedra como a dixitalización da obra de Bóveda e o ciclo de fiscalidade celebrado o pasado mes de outubro.