DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mesa redonda na que participarán os xornalistas Bieito Rubido e Cristina Pardo

A Cátedra Álvarez-Ossorio afonda nos efectos da difusión de noticias falsas

Terá lugar o vindeiro luns 17 ás 19.00 horas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/04/2023

A proliferación das noticias falsas que se difunden a través da rede ten feito do fenómeno da desinformación unha ameaza para o normal funcionamento dos sistemas democráticos. Co obxectivo de afondar nos efectos desta problemática, a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio promove o vindeiro luns 17 unha mesa redonda titulada Desinformación y fake news que contará coa participación dos xornalistas Bieito Rubido e Cristina Pardo. Enmarcada no ciclo de conferencias da cátedra que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar, o coloquio permitirá dar continuidade á análise sobre os efectos da desinformación que centrara xa o anterior relatorio deste ciclo, impartido pola investigadora do CSIC Sara Degli-Esposti.

Como explica a directora da área do Campus de Especialización Crea e membro da comisión da cátedra, Ana Belén Fernández Souto, despois de que, a finais de marzo, a investigadora do Instituto de Filosofía do CSIC se achegase á problemática da desinformación “desde un enfoque máis teórico”, a nova actividade proposta pola cátedra permitirá ver agora os seus efectos “desde o punto de vista dos medios de comunicación”. Para iso, a mesa, con entrada libre, que terá lugar o vindeiro luns ás 19.00 horas no salón de actos da ENM contará coa participación do que fora director durante unha década do diario ABC, Bieito Rubido, que dirixe actualmente o xornal dixital El Debate; así como da xornalista Cristina Pardo, presentadora na actualidade do programa Más vale tarde, de La Sexta, así como do director do Máster Universitario en Produción Xornalística e Audiovisual da Universidade da Coruña, Francisco Sánchez.

“A actividade enmárcase nun ciclo de conferencias aberto ao público que, polas súas temáticas, pode resultar tamén moi interesante para o alumnado do campus”, engade a vicerreitora, Eva María Lantarón, que destaca a vontade da cátedra de servir como “punto de encontro entre o alumnado da Escola Naval Militar e da Universidade de Vigo”. Con esa mesma idea, estas dúas actividades centradas na desinformación víronse precedidas por unha conferencia sobre a influencia no clima da circulación e radares de correntes mariñas, a cargo do catedrático de Física da Terra da UVigo Gabriel Rosón e do investigador do Grupo de Oceanografía Física Ramiro Alberto Varela. Tamén no presente curso, a cátedra promoveu unha mesa de debate sobre ciberameazas, na que participaron Martín Obiols, responsable global de riscos de seguridade da información do BBVA; Luis Hidalgo, do Gabinete de Dirección do Instituto Nacional de Ciberseguridad de España (INCIBE), e Francisco Javier Roca, contralmirante do EMAD-Mando Conjunto del Ciberespacio; así como un coloquio sobre xeopolítica tecnoindustrial e transición enerxética, a cargo do presidente de Petronor, Emiliano López Atxurra.