DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván Area, Ana Gueimonde, José Luis Otero e Sancho Michell, presentaron as actividades da cátedra

A Cátedra Bancaja incentiva a vocación emprendedora con programas educativos e de apoio á investigación

O catedrático Xoán Carmona ofreceu un relatorio sobre os emprendedores galegos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 01/04/2009

Contribuír á formación dos futuros emprendedores, apoiar novos proxectos empresariais e xerar coñecemento neste campo, mediante a realización de accións formativas e programas de investigación, son os principais obxectivos da Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo que este mércores presentou as actividades previstas para o ano 2009. Nos últimos tempos, sinalou Ana Gueimonde, directora da cátedra, “o termo emprendedorismo pódese atopar ou escoitar de xeito habitual e pouco a pouco vai perdendo o seu significado e converténdose nun recurso dialéctico”. Por isto precisamente, dende a cátedra “queremos encher de contido real esta palabra e niso traballamos”.
Pola súa banda, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area subliñou que esta cátedra “busca incentivar o espírito e a vocación emprendedora na Universidade de Vigo con programas educativos e de apoio á investigación”. O vicerreitor agarda que con estas novas actividades “a cátedra afiáncese como motor de emprendemento e dinamización”.
Tanto Sancho Michell, responsable da zona norte, como José Luis Otero, director territorial en Galicia de Bancaja, amosáronse moi satisfeitos xa que “estas accións entran dentro do marco previsto e veñen a unirse a outro tipo de actividades que se están levando a cabo como son as bolsas Bancaja para o estudo no estranxeiro”. Con esta colaboración pretenden "fomentar aínda máis que as inquietudes empresariais cheguen á xente da universidade”.
O abano de actividades que se realizarán este ano, explicou Gueimonde, artéllase ao redor de catro eixos: “a formación para o emprendemento, o impulso de iniciativas xurdidas na Universidade de Vigo, o fomento da investigación nesta materia e a creación dun centro de documentación sobre o emprendemento”.

Catro liñas de actuación

A primeira das accións da cátedra neste 2009 foi a posta en marcha dunha páxina web que “servirá para a comunicación das nosas actividades e de intercambio de ideas”, explicou Gueimonde. Non será só un escaparate senón unha ferramenta activa e dinámica que axude a acadar os obxectivos da cátedra como son “o rico fluír de propostas para a creación de novos proxectos empresariais e a xeración de coñecemento ao redor desta temática”. Seguindo con esta finalidade levaranse a cabo un conxunto de actividades establecidas en catro liñas de actuación: formación, impulso de iniciativas, investigación e documentación.
No que se refire ao primeiro dos eixos das iniciativas da cátedra, a formación para o emprendemento, buscarán complementar a educación que ofrece a Universidade de Vigo nesta materia con outras actividades formativas. A tal fin realizarase un encontro con emprendedores en novos negocios en áreas tradicionais e emerxentes do tecido empresarial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Tamén está previsto un Curso de formación en consultoría para a innovación e o emprendemento no que o alumnado recibirá unha “introdución ao mundo da empresa, a innovación e o emprendemento e levarán a cabo un labor formativo á beira de consultores especializados na realización de consultorías a empresas”, especificou Gueimonde.
Inclúense ademais nesta liña visitas a empresas punteiras de Galicia e o Norte de Portugal, coa intención de que contribúan “á realización de benchmarking funcional e ao crecemento persoal e profesional do alumnado, así como a espertar o espírito emprendedor dos nosos universitarios” e, por último, desenvolverase en colaboración coa Cámara de Comercio e Industria de Ourense o proxecto piloto Unha empresa na miña escola, “co obxectivo de motivar, afacer e orientar nos valores do emprendemento desde os niveis educativos máis temperás”.
Un segundo eixo de actuacións é o pulo a iniciativas emprendedoras xurdidas da Universidade de Vigo “a través da convocatoria de premios”. Un destes concursos será Todos creamos futuro que consistirá en complementar as actividades técnicas e de xestión adquiridas polo alumnado en Administración e Dirección de Empresas e Empresariais con propostas de negocio do alumnado das restantes titulacións, “coa finalidade de xuntar ambas capacidades cun mesmo obxectivo: a creación dunha empresa sustentable con perspectivas de futuro”, aclarou Gueimonde. A iniciativa premiada terá a posibilidade de pór en marcha o seu proxecto empresarial durante seis meses nun espazo que habilitará a Cámara de Comercio no seu viveiro de empresas do Parque Tecnolóxico de Galicia e ademais a cátedra fará unha achega monetaria para os inicios dese proxecto.
O outro concurso, Xoves emprendedores Universidade de Vigo, pretende apoiar e potenciar o espírito emprendedor entre a comunidade universitaria. Para iso premiaranse proxectos empresariais innovadores e “achegaremos, novamente, unha axuda económica para a súa posta en marcha”.
A terceira liña de actividades refírese ao fomento da investigación sobre o emprendemento, para ese fin realizarase unha convocatoria de axudas a estudos e investigacións sobre o tema.
O cuarto e último eixo pretende constituír un centro de documentación sobre o emprendemento coa realización dunha serie de actividades, a primeira delas a elaboración dunha Guía de recursos para o emprendemento en Galicia e Norte de Portugal, documento que proporcionará “información útil sobre os recursos de diversa natureza que as institucións ofrecen aos emprendedores neste ámbito”.

O galegos emprendedores do século XX

Á presentación das actividades que levará a cabo a cátedra neste ano 2009, seguille un relatorio de Xoán Carmona, catedrático de Historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, sobre Emprendedores galegos do século XX: xeracións, estilos, estratexias, no que fixo un repaso aos empresarios máis importantes de Galicia durante ese período, “algúns moi coñecidos en España e outros que aínda que son menos famosos, contribuíron ao crecemento económico de Galicia”, indicou Carmona. Homes como Pedro Barrié de la Maza, Eduardo Barreiros, José Fernández López e Eulogio Gómez Franqueira son catro dos emprendedores máis recoñecidos e “cada un representa un estilo empresarial distinto”. No caso de Barrié de la Maza e Gómez, explicou Carmona, o primeiro aplicaba unha estratexia de participacións en cadea e unha aposta claramente industrial, mentres que o segundo baseaba o seu crecemento empresarial na diversificación relacionada cara sectores innovadores.
Así mesmo, Carmona identifica tres grandes xeracións empresariais no século XX, a da primeira industrialización formada polos empresarios do mar, concesionarios de recursos, banqueiros e indianos; a xeración do e no franquismo e, por último, a xeración de entrecrise, empresarios que xa o eran antes dos anos 70 pero que se consolidan daquela ou nos anos posteriores, “falamos neste caso de empresas do sector da confección téxtil, construción naval ou a automoción entre outras”.
As últimas palabras de Carmona foron de ánimo ao alumnado, xa que “en tempos de crise o capital humano e a formación que este reciba, será a responsable do desenvolvemento económico de Galicia nos próximos anos”.

Máis de 20 cátedras na Universidade de Vigo

Area non quixo deixar escapar a ocasión para mencionar que ademais desta, existen na Universidade de Vigo “máis de 20 cátedras con distintas empresas e institucións que cobren todos os ámbitos do coñecemento universal”. Trátase pois dunha mostra das intencións da Universidade, “preocupada por estar inserida na sociedade e potenciar as necesarias relacións coa empresa”. O vicerreitor destacou ademais que “en períodos recesivos coma o que vivimos é preciso que a docencia e a investigación estean ao servizo da creación de empresas e ao progreso da sociedade galega”.