DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Cátedra Bancaja pon en marcha iniciativas para impulsar a creación de novas empresas

O profesor Andrés Mazaira imparte un seminario sobre xestión empresarial na época dos "social media"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 25/11/2009

Proporcionarlles aos alumnos da Universidade as ferramentas necesarias para xestionar unha nova empresa é o obxectivo fundamental do programa de actividades de formación para o emprendemento posto en marcha pola Cátedra Bancaja para este curso académico. O primeiro destes encontros é un seminario sobre como xestionar estratexias empresariais na época dos social media, que imparte o profesor Andrés Mazaira na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. A iniciativa inclúe tamén visitas á empresa Inditex e ao Grupo Cuevas e un encontro entre emprendedores, administracións e Universidade.
Para Ana Gueimonde, directora da Cátedra Bancaja, os universitarios de hoxe “son cada vez máis emprendedores”. Segundo explica, “noto un espírito e unha iniciativa que faltaba en xeracións pasadas, e teñen tamén unha maior capacidade para estar alerta ante as novas cousas. Iso tradúcese no espírito emprendedor”. Ana Gueimonde subliña ademais que para que esas habilidades se convertan en novas iniciativas empresariais hai que darlles aos estudantes de hoxe as ferramentas necesarias que os axuden na posta en marcha das súas ideas de negocio, e de aí estas actividades de formación para o futuros empresarios.

“Os social media xogan un papel moi importante na xestión organizativa das empresas”

Como xestionar estratexias empresariais na época dos social media é o título do seminario que Andrés Mazaira, profesor da área de Márketing da Universidade de Vigo, está a impartir co gallo destas actividades de formación. A finalidade do encontro é amosarlles aos alumnos os procesos de cambio que se están a producir na nosa contorna e como deben adaptarse a eles as organizacións empresariais. Segundo explica Andrés Mazaira, “estamos ante un novo contexto socioeconómico e ante unha nova sociedade que está a desenvolver novos xeitos de relacionarse. Entender esa nova realidade e adaptarse a ela será clave para que as organizacións poidan dar unha resposta axeitada aos novos retos e oportunidades que supón”. A primeira sesión do seminario estivo adicada á Realidade 2.0, aos Social Media Networks. Nela, o profesor transmitiulles aos alumnos que o cerne deste proceso de cambio non é tecnolóxico. “O realmente importante é que entendamos que estamos a falar de persoas e de como estas se relacionan e colaboran”, subliña. A segunda sesión do seminario desenvolverase o 26 de novembro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e versará sobre os medios de comunicación social e a xestión empresarial. Segundo explica Andrés Mazaira, “os social media están chamados a xogar un papel cada vez máis importante nos procesos de xestión organizativa das empresas”. Na actualidade, sete de cada dez mozos españois utilizan as redes sociais e algunha delas, como Facebook, acadou máis de 300 millóns de seguidores en pouco máis de dous anos, por non falar dos máis de 100 millóns de vídeos de Youtube que se ven ao día. Un contexto que vai ser analizado polo profesor para facer fincapé na idea de que “a realidade empresarial non debe nin pode estar de costas a esta realidade”.

Inditex e o Grupo Cuevas, exemplos de empresas que levan adiante iniciativas innovadoras

Ademais de proporcionarlles aos estudantes o coñecemento necesario para xestionar novos modelos de negocio, estas actividades de formación para o emprendemento perseguen un segundo obxectivo. Nas palabras de Ana Gueimonde, “queremos que os estudantes coñezan de primeira man empresas que son referencia polas súas boas prácticas e que levan adiante iniciativas innovadoras”. Nesta finalidade enmárcanse as dúas visitas a empresas previstas no programa de actividades: Inditex, o día 8 de xaneiro, “un exemplo de empresa moi ben xestionada e que aplica ferramentas e metodoloxías innovadoras no ámbito da loxística”, segundo Ana Gueimonde, e o Grupo Cuevas, o 20 de xaneiro, “unha compañía que se move no sector da distribución de produtos alimenticios e que é capaz de innovar neste sector tan tradicional”. De feito, o seu supermercado Aquí é figura entre os finalistas dos premios World Retail Awards´09.
A última destas actividades de formación é un encontro entre emprendedores, administracións e empresarios que se celebrará o día 11 de febreiro. Segundo explica Ana Gueimonde, “van participar representantes das administracións que incentivan o emprendemento e novos emprendedores, e unirémolos nun ámbito universitario para potenciar aos empresarios do futuro”, sinala.

Fomentar o espírito e a vocación emprendedora entre o estudantado

A Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo púxose en marcha no mes de xuño do ano 2008 cun obxectivo moi claro. Nas palabras da súa directora “o que queremos é fomentar o espírito e a vocación emprendedora na nosa Universidade, apoiando novos proxectos empresariais e colaborando na formación de futuros emprendedores mediante distintos programas educativos, culturais e de extensión universitaria”. Outra finalidade da cátedra é a de promover a actividade investigadora no campo do emprendemento e a creación de empresas, mediante o apoio a proxectos de investigación e a teses de doutoramento dende as distintas áreas de coñecemento implicadas neste campo de estudo.