DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O I Premio Bancaja Xoves Emprendedores impulsa os valores da cultura empresarial entre os universita

A Cátedra Bancaja da Universidade outorga 3000 euros á mellor iniciativa emprendedora

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Ourense DUVI 12/01/2010
Impulsar e difundir no ámbito da Universidade de Vigo os valores e aptitudes propios da cultura emprendedora é o obxectivo fundamental co que nace o I Premio Bancaja Xoves Emprendedores, un certame promovido pola Cátedra Bancaja que premiará con 3000 euros o mellor proxecto empresarial innovador xurdido en calquera área de coñecemento da Universidade de Vigo. Ao certame poden presentar candidaturas como emprendedores, tanto individualmente como en grupo, estudantes, investigadores, docentes e alumnado que finalizase os seus estudos durante os tres últimos anos en calquera dos campus da Universidade e que non teñan constituído unha empresa con anterioridade ao 30 de xaneiro de 2009. O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro día 4 de marzo.
Ademais de fomentar o espírito emprendedor e innovador entre os distintos colectivos do ámbito universitario, a Cátedra Bancaja quere coa posta en marcha deste premio promover a transferencia do coñecemento adquirido na Universidade mediante a súa aplicación a ideas empresariais. Unha idea sobre a que incide Ana Gueimonde, directora da cátedra que sinala que “nas universidades créase coñecemento que ten potencialidade para se converter en novos negocios pero a dificultade está en materializar ese pole de ideas en proxectos viables e solventes. Con este premio queremos contribuír para que eses traballos se concreticen ou, cando menos, queremos apoiar aos membros da Universidade de Vigo que desenvolven novas propostas empresariais para que continúen nese camiño”. Gueimonde subliña tamén o feito de que a convocatoria estea destinada unicamente a estudantes, investigadores, docentes e recén titulados da Universidade de Vigo. “Se ben outros premios similares están dirixidos a todo o público en xeral, este certame supón unha achega económica para proxectos que nazan exclusivamente na nosa Universidade”, afirma.

O xurado valorará a orixinalidade da proposta e as aptitudes dos candidatos

O prazo para presentar os traballos remata o día 4 de marzo. Para valorar as propostas constituirase un comité de avaliación formado por docentes da Universidade de Vigo, empresarios e técnicos designados pola Fundación Bancaja que seguirán unha serie de criterios para a concesión dos premios. Segundo Ana Gueimonde, “os criterios fundamentais para a valoración dos proxectos serán o grao de innovación, a viabilidade técnica e comercial, a calidade da presentación e a definición e o desenvolvemento da idea. Valorarase, en definitiva, a orixinalidade da proposta no seu conxunto e as aptitudes das persoas que integran a candidatura respecto do posible desenvolvemento do proxecto”. O certame prevé a concesión dun único premio de tres mil euros que pretende ser, nas palabras de Ana Gueimonde, “un capital semente que contribúa ao desenvolvemento do proxecto gañador”.
Estudos recentes indican que o 70% do alumnado universitario considera que a mellor saída profesional é ser funcionario. Unha opción que Ana Gueimonde considera “entendible”. Non obstante matiza que a xente non quere ser funcionaria porque si, “se non porque non percebe outras opcións” e asegura que, nesta liña, “a Universidade é o lugar idóneo para abrir e mostrar outras posibilidades”. Por iso cre necesario “ofrecer as ferramentas para que o emprendemento se visibilice como saída laboral e favorecer a xeración de novas ideas e iniciativas que poidan impulsar eses novos proxectos empresariais. A universidade é coñecemento teórico e coñecemento aplicado”, sinala.

O alumnado da Universidade, persoas “con ansias de descubrimento e coñecemento”

Na Universidade de Vigo e segundo Ana Gueimonde “contamos cun bo número de persoas con ansias de descubrimento e coñecemento alén da materia aprendida nas aulas. Xente con espírito colaborativo e ilusión por concretizar as súas iniciativas”. A institución académica e o profesorado deben traballar para desenvolver esas aptitudes e valores “e canalizalas cara a xeración de novos proxectos empresariais”, un obxectivo ao que vai contribuír dun xeito decisivo este certame.
A Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores púxose en marcha no ano 2008 co obxectivo de fomentar o espírito e a vocación emprendedora na Universidade de Vigo con actividades como o apoio aos novos proxectos empresariais e a colaboración na formación de futuros emprendedores. Este premio é unha ferramenta máis para conseguir esa finalidade e así o asegura Ana Gueimonde. “Este premio é un instrumento máis no noso obxectivo de pular polo emprendemento e a innovación. É ademais unha ferramenta moi particular pois supón premiar unha boa idea que ten forma de proxecto empresarial e apoiala cunha destacable achega de recursos económicos”, explica.