DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Modificará o programa do Máster en Políticas Comunitarias para adaptarse ás novas esixencias europea

A Cátedra da Eurorrexión busca a estabilidade financeira optando ao segundo Centro de Excelencia Jean Monnet

Convoca o IV Premio de Investigación para traballos centrados no desenvolvemento de Galicia e o nort

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 17/01/2012
O futuro pasa pola internacionalización, un obxectivo no que a Universidade de Vigo camiña da man coa de Minho a través da Cátedra da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, que acaba de poñer en marcha a cuarta edición tanto do seu Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial como do seu Premio de Investigación. A finalidade: fomentar e divulgar a investigación sobre a realidade e os problemas sociais, económicos e políticos da zona. “A eurorrexión é un exemplo a seguir por todos aqueles que en Europa queren traballar en temas de cooperación interrexional, unha realidade tanxible froito do traballo de pioneiros. Hoxe presentamos un produto concreto que fai máis eurorrexión e que xera cooperación desde a formación de persoas en dous idiomas, en dúas culturas e en unha maneira ampla de entender o mundo. Iso é fundamental para internacionalizarse”, asegurou o reitor vigués, Salustiano Mato.

Novas adaptacións

Cun camiño xa percorrido e éxito demostrado, o mestrado da Cátedra da Eurorrexión chega este ano a súa cuarta edición con 29 novos alumnos e algunhas novidades. A primeira é o cambio do seu programa de estudos para adecualo á nova normativa comunitaria para 2014-2020. Por primeira vez haberá un regulamento específico centrado na cooperación territorial, así que tras un ano de “reflexión colectiva” as universidades de Vigo e Minho unificaron criterios sobre o número de créditos e sobre un aumento na parte práctica do máster. Así, a partir de agora, ambas institucións impartirán catro materias troncais no primeiro semestre, cun total de 30 ECTS, mentres que na segunda parte o alumnado poderá elixir entre disciplinas optativas de seis créditos cada unha. Ademais, seguindo as suxerencias do estudantado anterior, reforzarase o carácter práctico do máster abrindo unha liña baseada exclusivamente na elaboración de proxectos relacionados coa cooperación territorial, a I+D e a xestión para formar “a xente capaz de crear programas eurorrexionais e executalos do xeito máis útil posible”, como asegurou Luis Domínguez, director do mestrado.

Uns cambios que levan aparellados un sobreesforzo económico que a Cátedra da Eurorrexión tratará de paliar presentando a súa candidatura para obter o seu segundo Centro de Excelencia Jean Monnet. A competencia será dura: mediranse contra universidades de 60 países. “Estamos en crise e hai que botarlle imaxinación. Conseguilo suporía ter certa estabilidade financeira para os vindeiros tres anos e consolidar esta nova versión do mestrado. Senón teremos que buscar outras fórmulas porque non podemos quedarnos parados nun momento no que todo está a mudar”, recalcou Domínguez. Con 15 alumnos matriculados en Vigo e 14 en Braga, esta edición do mestrado contará con unha taxa de atracción do 73,3% e con unha taxa de internacionalización do 6,6% ao ter a alumnos procedentes de América Latina.

6000 euros de premio

A cátedra tamén convoca o seu cuarto Premio de Innovación, que naceu coa intención de “potenciar a identidade da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal a través do apoio de accións de reforzo de competitividade baseada no I+D+i, na capacitación empresarial e na transferencia do coñecemento. É un marco de sinerxías e oportunidades”, subliñou Guillermo Brea, responsable da Obra Social de Novacaixagalicia, unha das entidades que financian o proxecto.

Os investigadores con proxectos relacionados co desenvolvemento eurorrexional terán ata o vindeiro 29 de febreiro para presentar os seus traballos, que deben ser orixinais, inéditos e centrados no territorio galego-portugués. O xurado terá en conta a contribución que faga ao coñecemento da eurorrexión e ao seu desenvolvemento, a innovación e a calidade científica. “Galicia e o norte de Portugal tiveron o atrevemento de propoñer un plan de desenvolvemento conxunto, o primeiro no que dúas rexións europeas de países diferentes tentaban construír unha estratexia conxunta. Ese traballo acabou por dar un instrumento financeiro co que resolver os problemas de Europa. Son episodios do pasado que nos levan ao futuro”, aclarou Luis Braga da Cruz, presidente do Consello Xeral da Universidade de Minhp e ex-ministro de Economía de Portugal.